Luisa Barciela: “Agora que me xubilo, a metade dunha parte da miña vida queda en Algalia”
Coñece en profundidade os corredores de Algalia e ás persoas que os habitan. Despois de 26 anos dando lustro ás súas oficinas, Luisa xubílase cun sorriso e o agradecemento por atopar xente marabillosa que conseguiu facela sentir unha máis.
A primeira vez que pisei a oficina de Algalia foi en 1999. Cheguei acompañada da miña xefa porque eu era moi tímida e custábame relacionarme con xente, pero despois dunha semana comezou unha viaxe que duraría 26 anos ata hoxe, cando celebramos o seu 30 aniversario.
Durante ese tempo tiven a oportunidade de coñecelos a fondo, cheguei a saber cos ollos pechados como quería ter cada un o seu espazo de traballo, e na medida do posible, fixen porque así fose, para que sentisen confortables. Era a única maneira de agradecerlles o ben que me fixeron sentir, e por iso non me importou botar máis horas das que debía polos corredores de Algalia.
Aínda me acordo de Jorge poñendo folios polo chan para non ‘pisar o fregado’ ou a Rafa, sempre discreto, tralo seu computador. As confidencias con Marta ou a vez que escoitei a Celso dicirlle a Lupe que non tiña cunca para beber auga. Ao día seguinte fun comprarlle unha e deixeilla no escritorio. Creo que nunca soubo que fora eu.
Cando traballas no sector da limpeza non todo o mundo respéctache da mesma maneira. Atopar a xente tan honrada e marabillosa é un privilexio. Desde o primeiro momento, sentín que era unha traballadora máis en Algalia, escoitábanme e tíñanme en conta, permitiron que viñese ao mediodía para non esperar a última hora da tarde a que se baleirase a oficina, ou cando a miña sogra e o meu marido estiveron ingresados ao mesmo tempo, Celso díxome que me esquecese da oficina e me centrara no importante. E iso non ten prezo.
A humanidade é un valor que escasea nunha sociedade tan individualizada onde parece que cada un só mira para si mesmo. Se de cando en vez levantásemos a cabeza atopariamos persoas que paga a pena coñecer, escoitar, porque cho dan todo sen pedir nada a cambio. Sempre tentei facer o meu traballo con profesionalidade e discreción, pero, sobre todo, con lealdade cara a un equipo que se abriu e me integrou no seu día a día como unha máis. Se algo me dá pena da xubilación é por eles, pero que non se despisten que en calquera momento regreso a lembrar os vellos tempos compartidos.
Luisa Barciela Álvarez, responsable da limpeza das oficinas de Algalia