14 de marzo de 2020…hai cinco anos desde que a Covid19 cambiou as nosas rutinas, e en moitos casos, a nosa forma de pensar. Unha pandemia que cambio definitivamente as nosas vidas a nivel laboral, pero tamén no persoal. Así o viviu o noso equipo nas diferentes áreas de ALGALIA:
Lupe Martínez, Área de Administración de Algalia.
“Para min a pandemia foi algo diferente ao resto dos meus compañeiros. Non tiven elección, tiña que estar na oficina para atender a loxística do día a día. Saía de casa ás 6:45, como habitualmente, para coller o autobús, nos primeiros tempos nos que aínda non se indicaba se había que utilizar máscara, eran máis caras e difíciles de conseguir… Non había ninguén na rúa, no autobús íamos dous ou tres persoas… Non era mellor cando chegaba á zona da oficina porque non había cafeterías abertas, só a luz dos farois… non podía baixar a tomar un café, viña directamente para a oficina e estaba desde as 8:00 da mañá ás 17:00 horas, cunha soidade inmensa ademais da consabida preocupación polos meus… naquel momento a miña nai, con alzheimer estaba nunha residencia… que dicir das residencias!…. En Algalia empezamos a pechar ás 17:00 horas desde a pandemia.
Asumías os riscos do principio, cando aínda había moito descoñecemento e non se sabía o alcance da pandemia. Cando regresaba a casa, ía camiñando e seguía sen haber ninguén… parecía unha película de ciencia ficción como as que vimos tantas veces no cinema!
Como o vivimos dende Administración? Coa responsabilidade de que había que atender as necesidades dos compañeiros que estaban nas súas casas, aos mensaxeiros, enviar e recibir a documentación correspondente que o persoal necesitaba… pero tamén cunha sensación infinita de soidade.”
María Romero, Área Económica de Algalia.
“Desde un punto de vista laboral, creo que nos acomodamos rapidamente á nova situación. Mobilizámonos e organizámonos de tal forma que puidemos seguir co noso traballo desde casa, adaptándonos iso si, ao aumento de carga de traballo debido ás constantes modificacións lexislativas a nivel fiscal e laboral. Estabamos en constante alerta para manter informados os nosos clientes, permitíndolles aprazar as súas obrigacións fiscais e acceder a axudas e subvencións que, en moitos casos, axudáronlles a manter ás súas organizacións.
Con todo, a perspectiva cambia cando falo desde o plano persoal. Nese sentido, tiven que cambiar o café de oficina polas merendas de recreo. A clase de educación física e as clases de inglés convertéronse nos meus grandes aliadas, cando tiña unha videoconferencia ou necesitaba un espazo de maior concentración, era hora da clase de Educación Física ou clases de inglés vendo uns debuxos animados nese idioma.
O máis complicado foi a conciliación. Ter que equilibrar o traballo, o estrés de estar ao tanto dos prazos, os cambios lexislativos e as novas ferramentas dixitais… mentres tamén me encargaba das tarefas escolares e das rutinas diarias en casa. Todo iso, sen poder desconectar nin un momento, coa incerteza e o medo que traía a pandemia.
É certo que a pandemia deixou unha pegada en todos nós, dunha forma ou outra. Pero, no meu caso, ensinoume a sobrepoñerme aos momentos máis difíciles e a adaptarme ás circunstancias. Aínda que, sendo sincera, non me gustaría volver vivir algo así. Unha e non máis Santo Tomás!”
Miguel Barbosa, responsable del Área de Consultoría de Algalia.
“A pandemia tivo un alto impacto significativo no noso negocio de consultoría. A pesar das dificultades e a incerteza, supuxo unha oportunidade para innovar e adaptarnos rapidamente a novas formas de traballo. Priorizamos a dixitalización dos nosos servizos e, sobre todo, mantivemos o contacto próximo coas entidades e, o máis importante aínda, coas persoas ás que apoiamos.
Enfocámonos en escoitalas, entender as súas necesidades e ofrecerlles apoio emocional e práctico nun momento de gran vulnerabilidade. Este proceso permitiunos redefinir estratexias, fortalecer a solidariedade e colaboración coas entidades do sector, e adaptarnos para seguir brindando un servizo esencial.
A pandemia tamén nos confrontou coa necesidade de reformular a sustentabilidade económica de moitos proxectos que, debido ás restricións, víronse afectados, pero á vez evidenciou a importancia da resiliencia e a proximidade en tempos de crises.”
Mercedes González, Área Laboral de Algalia.
“Dende o servizo laboral o impacto da pandemia foi enorme. De súpeto, atopámonos nunha situación completamente nova, que afectaba directamente á relación entre a persoa traballadora e a empresa, con diversas realidades en función de cada entidade e do tipo de traballo que desenvolvían, e tamén con distintas formas de facer fronte á situación.
O noso traballo complicouse moito. Os cambios normativos eran continuos, e cando digo continuos é que prácticamente cada día saía algo novo que había incorporar sobre a marcha, e todo isto coa administración completamente desbordada entre consultas e trámites.
Os primeiros días foron xornadas case exclusivamente atendendo consultas. Teletraballo e ERTE foron dun día para outro palabras cotiás, e empezamos a oírnos por teléfono co fondo da casa particular de cada unha, en lugar de oír o ruidiño dun teclado, oiamos a voz dun cativo ou a televisión… e os correos remataban case sempre con: “Agardo que vos atopedes ben de saúde”…
A miña impresión é que, en xeral, os nosos clientes foron moi comprensivos, tiveron paciencia, e souberon entender o excepcional do momento que viviamos. A nivel persoal, poder teletraballar, foi para min un alivio porque eso facilitou moito a situación cos nenos en casa. Sen embargo, houbo momentos duros, en que parecía que estabas soa e non ías ser quen de resolver a tempo ou correctamente os problemas prantexados polas entidades.
Grazas ao vivido na pandemia aprendín a valorar máis o traballo do equipo. Poder xuntarnos e, entre todas, tomar unha decisión ou consensuar un criterio común é, ao meu modo de ver, un plus de confianza no traballo que estás facendo.”