En primeiro lugar, agradezo a todo o equipo actual de Algalia, a oportunidade de poder lembrar os primeiros tempos en que contactamos e comezamos unha duradeira relación, crecendo e acompañándonos nun complicado camiño de máis de vintenove anos (1996).
Neste ámbito, tanto nos 80 como nos 90, ningún inicio foi sinxelo; eu comecei a miña traxectoria laboral no movemento asociativo de familias das persoas con discapacidade intelectual, na asociación ASPAS – Santiago de Compostela- en 1985, con recursos escasos, moita ilusión e compromiso, supoño que o mesmo que lle sucedeu en 1995 aos pioneiros de Algalia. Por aquel entón, as miñas principais ferramentas eran o meu propio computador doméstico, un Oric Atmos con interface de casete, un rudimentario procesador de textos e folla de cálculo completados cunha máquina de escribir eléctrica que se podía conectar como impresora, todo iso despois dunha longa traxectoria de voluntariado en ASPRONAGA E ASPAS (desde 1972).
En 1992 incorpórome como director xerente de FADEMGA. Creo que con bo criterio, os máximos responsables de FADEMGA por aquelas datas, Julio Cortiñas e Eladio Fernández, decatáronse de que despois de trece anos de vida, o movemento asociativo e a federación estaban parados. As poucas asociacións existentes e o escaso orzamento federativo demostrábano, xa que se puxeron en marcha cun escaso orzamento dun millón e medio de pesetas (ao redor de 9.000€). Era imprescindible e urxente apostar por profesionalizar o sector, así que por aquelas datas e como primeiro paso para conseguir este obxectivo, chegou a miña contratación.
Dada a complexidade do proxecto e especificidade do sector, aos poucos fomos incorporando a Javier, Pepe, María…; pero careciamos dun bo asesoramento, próximo, específico e plural que abarcase áreas fundamentais como, laboral, contable, fiscal… Despois de catro anos de experiencia federativa, o que atopabamos non era específico e, en moitos casos, non se chegaba a entender moi ben o sector social e máis en particular o movemento asociativo de familias de FADEMGA. As nosas dúbidas e consultas eran moitas e practicamente diarias, necesitabamos unha asesoría próxima coñecedora da complexidade do sector, moi posta en dereito laboral e coñecedora do convenio colectivo, nas peculiaridades contables e fiscais da economía social.
En 1996 contactamos con ALGALIA, unha entidade moi nova constituída só un ano antes, especializada no terceiro sector social, que detectou a gran oportunidade e necesidade de ofrecer ás entidades un servizo de asesoramento completo e especializado, que tivo a visión das grandes carencias e da necesidade destes servizos profesionais. Si, eran moi novos, con ansias de comerse o mundo dando os mellores e máis completos servizos do mercado neses momentos, pero en moi pouco tempo puxéronse á cabeza do asesoramento do sector. Levaban un ano traballando cunha entidade sen ánimo de lucro potente, o Colectivo Galego do Menor, o que afianzou máis a nosa decisión de contratalos; ademais, dado que o valor diferencial era que ofrecían un asesoramento específico de calidade en moi diversas áreas, sempre orientamos ás entidades federadas -e mesmo non federadas-, a contactar con Algalia e deixarse asesorar polos seus profesionais.
Creo que Algalia achegoulle a FADEMGA, a todo o movemento asociativo, ao terceiro sector social sen ánimo de lucro da Comunidade autónoma en xeral, asesoramento moi profesional axudando á vez a profesionalizar todo o sector.
Persoalmente, durante todos estes anos á cabeza da miña entidade, contei en todo momento cun acompañamento que me daba tranquilidade en moitas das miñas decisións. Fomos medrando xuntos e apoiándonos mutuamente en momentos convulsos de continuos e moi rápidos cambios lexislativos, que complican cada vez máis o día a día das entidades, polo que se en 1995/96 Algalia era moi necesaria, creo que agora é cada vez máis imprescindible.
Moitas grazas a Suso, Rafa, Celso, Jorge, Isaura, Ángel, David, Javier, Miguel, … polo acompañamento durante todos estes anos.
MOITAS GRAZAS ALGALIA e MOI FELIZ 30 ANIVERSARIO.
Antonio Fuentetaja Cervelo, director xerente de FADEMGA entre 1996 e 2023