Nestes días temos recibido en Algalia a visita de Fiare Banca Ética unha entidade bancaria ou banco que se define na súa web como “un banco en mans da cidadanía organizada, constituído en forma de sociedade cooperativa por accións, que actualmente opera en territorio italiano e español, co obxectivo de fomentar a cooperación e a solidariedade”.

Non por coñecelos desde hai anos deixa de ser moi interesante para a nosa actividade a descrición deste banco –en contrapartida á maioría de entidades bancarias de capital cotizadas en Bolsa-.

Con independencia da motivación persoal ou organizativa que teña cada entidade á hora de escoller o seu “socio financeiro” cremos interesante falar neste artigo brevemente dun produto novo desta entidade que é interesante para as organizacións do terceiro sector. Este produto chámase “Anticipo Exprés”.

Como indica a súa denominación o produto funciona como un anticipo sobre un contrato ou subvención –asinado ou concedido, respectivamente- que teña unha entidade do terceiro sector cunha administración. No caso hipotético de existir retrasos no pago por parte da administración á entidade podería interesarlle obter ata un 80% do importe pendente como anticipo desta banca ética para poder atender os pagamentos sen comprometer a viabilidade do proxecto social en cuestión cuns tipos de interese fixo.

Ás entidades poden solicitar esta axuda sen seren socias de Fiare Banca Ética. A vantaxe de selo sería que os tipos de interese rebaixaríanse substancialmente.

Amais teñen establecido un sistema áxil de avaliación e análise socioambiental e técnico das operacións para no prazo de 3-4 días indicar se a operación se podería financiar nese formato ou noutros da propia banca ética. Aínda que non teñen oficina física en Galicia puidemos contrastar que o sistema electrónico e o compromiso do seu persoal é axilizar ao máximo ás xestións neses prazos.

Jorge Rodríguez Malingre
Responsable de  Asesoría de Algalia Servizos para a Economía Social

Voltar