Compartiamos hai tempo (A roda da dirección e do liderado) que unha persoa líder, no desempeño das súas funcións de responsabilidade, traballa con cousas, ideas e persoas.
Con ideas.. con conceptos. Onde cultivarse? Basicamente na investigación e a reflexión, e sobre todo, na consideración da investigación e reflexión doutras persoas. Para iso convén, pois, dotarse de referentes útiles e reputados, non confiar en “cuñaos”.
Nunha recente entrevista xornalística (31-05-2020), Daniel Innerarity (Wikipedia) manifestaba que “os filósofos non somos imprescindibles, pero hai cousas que sabemos facer e que se facemos ben, son un consolo: fabricar conceptos”.
Nestes tempos da COVID-19 o tempo acelerouse para as persoas con responsabilidades de xestión operativa, e detívose para outras ás que a realidade se lles quedou conxelada, como nunha vídeo chamada de WhatsApp. Todas han de investigar e reflexionar.
Unha organización que escoita, que reflexiona, que aprende, que interpreta a realidade desde conceptos poderosos, xestiona máis adecuadamente a complexidade. E a intelixencia dunha organización nunha sociedade do coñecemento é colectiva ou directamente non é.
Daniel Innerarity explícao mellor, xa que é un profesional da fabricación de conceptos. Velaquí a súa opinión respecto diso do terreo de xogo onde se debate a partida que estamos a xogar (A complexidade dun virus).
Hoxe facémosvos dous agasallos que non teñen que ver con receitas e prontuarios para unha acción determinada, senón con fundamentos e fondo de armario para a determinación da acción que convén despregar. Que aproveite!
Primeiro agasallo
Este é a páxina web de Daniel Innerarity, que abrimos nos seus artigos de opinión. Dá para pensar: danielinnerarity.es
Segundo agasallo
A Asociación DHO (Asociación para o desenvolvemento humano e organizacional) constitúe un grupo de persoas firmemente comprometido coa mellora e o progreso social e cunha clara vocación de servizo á comunidade. Por este motivo, un dos seus obxectivos fundamentais é apoiar ás persoas e equipos que traballan a favor do desenvolvemento das organizacións, contribuíndo así a construír unha sociedade mellor. Esta é a súa web: asociaciondho.org
DHO organiza conversacións para o desenvolvemento organizacional e o vindeiro sábado 6 de xuño de 2020, entre as 12.00 e as 13.30, convida a charlar con J. Guillermo Fouce Fernández sobre a Gramática do medo (como opera o medo nas persoas e organizacións).
Guillermo Fouce é Doutor en Psicoloxía, profesor da Universidade Complutense de Madrid, Presidente da Fundación Psicoloxía Sen Fronteiras, Vogal do Colexio Oficial de Psicoloxía de Madrid na área de Emerxencias e Intervención Social e coautor, con El Chojín, do libro Psicología del miedo.
Convidámosche a participar. Apúntate aquí: inscrición.
Equipo VIRADA. Ander, Itzi, Celso, Begoña e David.