Chegando a portoHai un tempo lanzabámosche neste boletín unha pregunta: é o meu equipo disfuncional?. Tamén falámosche de VIRADA Equipos, o Programa para o fortalecemento do liderado de Equipos de dirección en entidades de economía social que Algalia organiza coa colaboración de Fundación EDE. Sabes? A segunda expedición está a chegar a porto!

A tripulación

Embarcáronse nesta primeira travesía cinco equipos de cinco organizacións distintas: ACEESCA, ALENTO, BATA, EVD Galicia e A Nosa Señora de Chamorro. Entre eles hai Equipos de dirección, Equipos de coordinación, Equipos de servizos… Entre eles hai equipos cun reto verdadeiramente desafiante a enfrontar, unha dificultade limitante a superar, ou as dúas cousas á vez.

25 persoas, 5 de cada equipo, compartiron xa 3 dos 4 Talleres en Vigo (Alento, que ben nos acolledes, graciñas!), e 43 participaron en 3 das 4 sesións de coaching de equipo en cada unha das organizacións: O Porriño, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Mos e Narón.

A travesía

Iniciamos a travesía co primeiro taller o 07-10-2016, e finalizaremos co último taller o 07-04-2017. Seis meses de traballo repousado, constante, en augas profundas. 32 horas de traballo en taller e 80 de coaching de equipos, 16 por equipo.

Mar en calma, tempestade, a satisfacción de sentir o aire na cara, frío, a emoción de superar esa onda que parecía que nos ía tragar… Toda unha rosa dos ventos de emocións diversas.

Que atopamos

Cada equipo coñecía o seu barco (a súa organización), e agora coñece mellor de que é capaz, que pode esperar, que pode conseguir. Ten máis experiencia mariñeira.

Cada equipo coñecía a súa tripulación (os membros do equipo), e compartiu xerga mariñeira, distincións que axudan a non obviar a realidade, pero si a facerse cargo dela dun modo que lle permita mellores posibilidades. Compartiu viaxe con outras tripulacións. Coñeceu outros barcos.

Como nos sentimos

Empapados. Navegamos! Transitamos por novas correntes, experimentado novas formas de recoller o vento para impulsar o barco. Vivimos VIRADA.

Sentimonos esperanzados no noso futuro, responsabilizados con el, sabedores de que somos protagonistas. Con maniotas, pero satisfeitos. Coa satisfacción de que estamos a chegar a porto, e coa tristura de que estamos a chegar a porto.

E agora que?

Chegar! Primeiro chegar ao final de VIRADA Equipos, logo a continuar travesía despois do encontro co propósito de virar, de despregar na organización a VIRADA.

Seguramente tamén a compartir a experiencia e a convidar a outros barcos e tripulacións a vivila: un adestramento en e de equipo para incrementar a efectividade, o impacto social, das organizacións. Enrólaste? Non sentes o aroma do mar?

David Pereiro
Socio consultor de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

 

 

Voltar