O convenio, asinado en Valencia polo presidente de CEPES, Juan Antonio Pedreño e o presidente da Plataforma do Terceiro Sector, Luciano Poyato, ten como obxectivo implementar accións conxuntas entre ambas entidades e crear unha axenda política nos temas transversais que afectan ás dúas plataformas. Ambos Presidentes comprometéronse a traballar conxuntamente no ámbito institucional.
“O elevado nivel de emprego que xera o tecido empresarial de CEPES e do Terceiro Sector, o 18% da poboación activa española, demostra que existe outro tipo de empresa e entidades, democráticas, con valores, rendibles social e economicamente, nas cales teñen cabida todas as persoas, incluídas aquelas con maiores dificultades de integración”, explicou Pedreño.
“Por este motivo”, engadiu o presidente de CEPES, “grazas a este acordo comprometémonos a realizar accións conxuntas para que dende todos os ámbitos se valore e se potencie este modelo empresarial e social no cal as persoas e o fin social priman por encima do beneficio”.
Pola súa banda, Luciano Poyato asegurou que a firma deste acordo é mostra do firme compromiso que tanto CEPES como a Plataforma do Terceiro Sector manteñen cos colectivos máis desfavorecidos e en risco de exclusión social.
Segundo Poyato, “o Terceiro Sector e a Economía Social comparten obxectivos e liñas de traballo que se verán potenciadas grazas a este convenio, como o fomento do emprego, a loita contra a pobreza ou a igualdade de oportunidades de todas as persoas na sociedade”.
Outro aspecto destacado é o labor que as empresas e entidades de CEPES e a Plataforma do Terceiro Sector realizan a favor dos colectivos máis vulnerables e en risco de exclusión social. Actualmente, máis de 5.000.000 de persoas reciben asistencia grazas a elas.
Ademais, preto de 16.000.000 de persoas están vinculadas asociativamente a unha entidade de Economía Social ou do Terceiro Sector, dos cales 900.000 son voluntarios. A facturación de ambas entidades representa o 11,7 do PIB.
O convenio entre CEPES e a Plataforma potenciará a colaboración do conxunto da Economía Social e o Terceiro Sector nos campos de materia comúns para ambas entidades, establecendo unhas liñas de colaboración para fomentar o emprego, recoñecer e incluír ambos sectores nas estatísticas oficiais (económicas e laborais), implementar o Plan Nacional para a Inclusión Social, colaborar na política europea de cohesión, cooperación ao desenvolvemento e fomentar a RSE.
Celso Gándara
Xerente de Algalia Servizos para o Terceiro Sector