Aínda gardo o primeiro documento da primeira reunión como asociación. O primeiro nome que utilizamos foi ‘Proxecto Balde’, como alegoría de un recipiente ou caldeiro que recolle a auga e non a deixa escapar, así queriamos proxectarnos cara aos nosos clientes, pero ao pouco tempo démonos de conta de que había que darlle unha volta á nosa carta de presentación, porque podería ser danoso para a nosa actividade… E se a xente entendía que non cobrabamos polo noso traballo? De balde, en galego, é gratis.
Puxémonos a darlle voltas ao asunto. Por aquel entón non había webs, nin dispositivos dixitais, conexión a internet …, polo que nos preocupaba que a nosa pequena entidade puidese ir facéndose visible, coñecida, cun nome atractivo, sonoro e, que se algunha vez incluíase nalgunha guía, saíse nos primeiros postos.
Realizamos unha choiva de ideas. Non lembro a cantidade de nomes que se puxeron sobre a mesa, pero as posibilidades íanse reducindo e o que si teño claro é que fun eu o que propuxo o nome de Algalia por primeira vez.
Algún de nós estabamos vencellados con Santiago. Estudabamos Ciencias Económicas en Vigo, pero cuarto e quinto curso tiñamos que facelo en Santiago, onde vivimos con amigos que levaban xa un tempo alí. Cruzabamos a vila en diferentes direccións pero sempre pola zona vella. Durante ese tempo percorremos a rúa Algalia (de Arriba e de Abaixo) para ir tomar algo á Praza de Cervantes ou a San Roque.
‘Algalia’ tiña unha bonita sonoridade, era un referente galego e nos gustou que empezara por A, xa que iso permitíanos unha localización privilexiada nas listaxes de empresas e guías telefónicas.
Co paso do tempo comprobamos que este nome aínda soa actual, soubo madurar a pesar dos trinta anos que leva ás súas costas. Ademais, o éxito de Algalia Sociedade Cooperativa no seu sector deulle valor e prestixio, non só en Galicia. E é un orgullo enorme formar parte da súa historia.
Xosé Carlos Álvarez, secretario do Consello Reitor de Algalia