O Congreso dos Deputados aprobou a Lei do Terceiro Sector de Acción Social e a Lei do Voluntariado, dous instrumentos que servirán de reforzo a un sector crave para o desenvolvemento social do país, a defensa dos dereitos fundamentais e a loita contra a pobreza e a exclusión.
A aprobación das dúas normas, que responde a unha antiga demanda das organizacións sociais, apoiará o labor diario dunha sociedade civil organizada que representa actualmente a máis de 30.000 organizacións non lucrativas e a uns 5 millóns de persoas voluntarias. Máis aló das distintas conxunturas históricas, políticas ou socioeconómicas, o sector contará a partir de agora cun marco estable que recoñece o seu labor activo en favor do desenvolvemento do Estado.
A Lei do Terceiro Sector de Acción Social é a primeira norma feita por e para o sector, e entre outras cuestións, impulsa a regulación por vía regulamentaria do Consello Estatal de Organizacións non Gobernamentais de Acción Social, e a Comisión de Diálogo Civil, órganos que estarán adscritos á Administración Xeral do Estado a través do Ministerio competente en asuntos sociais, e que suporán o espazo de diálogo, asesoramento e traballo conxunto das organizacións de acción social e da Plataforma do Terceiro Sector co Goberno para a lexislación en materia social.
Pola súa banda, a Lei do Voluntariado promete dar resposta ás actuais necesidades que expón o sector e na súa elaboración participaron a maior parte das organizacións sociais deste país. Da nova norma cabe destacar a súa definición concreta do voluntariado, o papel que deben ocupar as empresas, universidades e administracións públicas no marco da acción voluntaria ou a existencia de até 9 ámbitos de voluntariado, ademais do social.