Algalia S. Coop Galega participou en “Cooperativismo de Portas Abertas”

O pasado sábado 2 de xullo celebrouse o Día internacional das cooperativas, e Algalia uniuse á celebración participando na campaña “Cooperativismo de Portas Abertas”.

Entre outras iniciativas de difusión do cooperativismo, o venres 1 de xullo de 2016 todas as cooperativas galegas participantes na campaña abrimos os nosos locais ao público, non só dunha maneira física para mostrar o noso traballo senón tamén como un acto simbólico e colectivo para a visibilización do sector cooperativista.

Día internacional das cooperativas

Nesta ocasión o Día Internacional das Cooperativas ten por tema «Cooperativas: o poder de actuar para un futuro sustentable».

As cooperativas poden xogar un papel crucial no logro dos ODS (Obxectivos de desenvolvemento sustentable) porque o seu modelo de negocio pon o desenvolvemento sustentable no centro e baséase en principios e valores éticos.

En 1992, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou, na súa resolución 47/90, de data 16 de decembro de 1992, o Día Internacional das Cooperativas para celebrarse o primeiro sábado de xullo de 1995.

O obxectivo deste Día Internacional é:

  • Aumentar a conciencia sobre as cooperativas.
  • Destacar a complementariedade das metas e os obxectivos das Nacións Unidas e do movemento internacional de cooperativas.
  • Destacar a contribución do movemento na solución dos principais problemas abordados polas Nacións Unidas.
  • Fortalecer e ampliar as asociacións entre o movemento internacional de cooperativas e outros participantes, incluídos os gobernos, a nivel local, nacional e internacional.

Que é unha cooperativa?

É unha sociedade de capital variable que, a través do exercicio de actividades socioeconómicas, desenvolve unha empresa de propiedade conxunta de todos os socios e socias.

A súa finalidade consiste en prestar servizos e satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios e socias, mediante a súa participación activa, e en interese pola comunidade.

Contan cunha estrutura e xestión democráticas, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, distribuíndose os resultados económicos en función da actividade cooperativizada realizada.

Calquera actividade económico-social poderá desenvolverse mediante unha sociedade cooperativa.

Valores das cooperativas

As cooperativas baséanse nos valores da autoaxuda, da autorresponsabilidade, da democracia, da igualdade, da equidade e da solidariedade.

Na tradición dos seus fundadores, os socios e socias cooperativistas cren nos valores éticos da honestidade, a transparencia, a responsabilidade social e a preocupación polos demais.

As cooperativas teñen que axustarse no seu funcionamento aos principios formulados pola Alianza Cooperativa Internacional, que son pautas mediante as que se poñen en práctica os valores.

Os principios da Alianza Cooperativa Internacional son:

  1. Adhesión voluntaria e aberta.
  2. Xestión democrática.
  3. Participación económica dos socios e socias.
  4. Autonomía e independencia.
  5. Educación, formación e información.
  6. Cooperación entre cooperativas.
  7. Interese pola comunidade.

David Pereiro, Presidente de Algalia S. Coop. Galega

Mais información:

Voltar