A Unión de Cooperativas EspazoCoop organizou o pasado 23 de maio un evento público para celebrar o Ano Internacional das Cooperativas 2025, proclamado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas, quen suliña o papel vital que desenvolven as cooperativas no desenvolvemento sostible, especialmente a súa contribución nas dimensións social, económica e ambiental.
Baixo o lema «Somos Rede, Somos Impulso«, o acto tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, no marco do día da asemblea xeral de EspazoCoop. Neste encontro, varias cooperativas socias, entre as que se atopaba Algalia Sociedade Cooperativa, foron homenaxeadas pola súa traxectoria profesional de máis de vinte anos ao servizo da economía social.
No mesmo evento, Celso Gándara, xerente de Algalia, moderou unha mesa de debate sobre sobre financiamento das cooperativas, no que participaron Ana Olveira Blanco, presidenta de Espazo Coop, Covadonga Toca Carús, directora do IGAPE, e Juan Garibi Soga, director de Desenvolvemento de FIARE BPE.
Algalia é socia de Espazo Coop dende a súa creación e participa de diversas formas na súa actividade, principalmente coa súa presencia no órgano de goberno e na mesa sectorial de Asesoría e Consultorías.