Santiago de Compostela acolleu o pasado 2 de novembro a celebración do Día da Economía Social Galega, en presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, entre outros representantes do sector.
Ambos puxeron o aceno na importancia da Economía Social como modelo económico baseado nas persoas, e unha forma de facer empresa construído sobre a igualdade, a inclusión e a solidariedade. Lembraron, nas súas intervencións, que a economía social supón o 7% do PIB da Comunidade galega, cun impacto anual no tecido produtivo galego de 850 millóns de euros.
Alfonso Rueda puxo en valor que os Orzamentos de Galicia do vindeiro ano recollen unha “aposta redobrada” pola economía social, xa que salientou que a comunidade galega “incrementa nun 21% os fondos destinados a este ecosistema, cunha partida de 42 millóns de euros”. En total, no conxunto dos Orzamentos de 2023, en palabras do presidente galego, “3 de cada 4 euros destinaranse a reforzar a sanidade, a educación, as prestacións sociais e a inserción laboral”.
Rueda tamén adiantou que a Xunta de Galicia está a preparar o ecosistema social para os retos do futuro ao través da Estratexia da Economía Social 2022-2026, na que anunciou que xa se está traballando para potenciar a creación de empresas e cooperativas.
A xornada, celebrada na Cidade da Cultura de Compostela, rematou co resultado da análise feita nas diferentes mesas de debate, nas que se abordou a situación da ES nas diversas comunidades autónomas. Así mesmo, tomouse perspectiva da importancia do sector como motor económico e de fixación da poboación sobre as oportunidades de crecemento, en cuestións como a economía circular, cambio climático ou inclusión.