De infantas e futbolistas

Cristina Federica Vitoria Antonia da Santísima Trindade de Borbón e Grecia, a infanta Cristina, e Lionel Andrés Messi Cuccittini, coñecido como Leo Messi, teñen en común problemas xudiciais penais derivados de non saber o que facían ou, máis ben, non saber o que deixaban facer a outras persoas.

Afortunadamente para a primeira, non saber o que facían outros lle permitiu ser absolta pola sentenza do Tribunal Supremo do 8 de xuño de 2018 que puña punto final ao proceso xudicial sobre unha trama destapada máis de 12 anos antes nunha rolda de prensa.

Desgraciadamente para o segundo, supúxolle ser condenado pola sentenza do Tribunal Supremo do 24 de maio de 2017, con maxistrado relator galego, Excmo. Sr. D. Luciano Varela Castro, financiamento a 21 meses de prisión por 3 delitos contra a Facenda Pública, máis multas e indemnizacións, polas incidencias fiscais dos exercicios 2007, 2008 e 2009, é dicir, case unha década antes.

Ah, e tamén foi condenado á perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e do dereito de gozar dos beneficios ou incentivos fiscais ou da Seguridade Social, que tamén son penas previstas polo Código Penal español.

De padroados e xuntas directivas

Fundacións e asociacións teñen en común a dificultade do día a día do seu goberno, da súa xestión, ou mesmo da súa supervivencia.

E padroados e xuntas directivas compartimos en máis ocasións das que quixésemos e das que debésemos incertezas sobre que debemos facer ou deixar facer. Podería ser que, no futuro, nos decatásemos de que non sabiamos o que hoxe estabamos a deixar facer a outras persoas baixo a nosa responsabilidade. O cal nos converte en candidatos a ser, nese futuro, infanta ou futbolista.

Como prepararnos para esa situación?

Código de patróns

A Asociación Española de Fundacións fainos a atinada proposta de facilitar de forma gratuíta un Código de Patróns coa normativa civil, tributaria e de subvencións, penal e de prevención de branqueo de capitais e financiamento do terrorismo máis salientable aplicable aos membros do padroado como máximos responsables das fundacións, contribuíndo así a configurar un estándar de dilixencia debida.

Guía de asociacións

E o Ministerio do Interior ofrécenos tamén gratuitamente a Guía de Asociacións, na súa 2ª edición, onde se repasan conceptos xerais, o Rexistro de Asociacións ou a utilidade pública, e ademais se facilitan modelos, normativas e enderezos de interese.

Ambas as ferramentas poden ser útiles para ter una visión xeral, malia que sexa parcial, e preparámonos no posible para tentar ser cidadáns e cidadás responsables e dilixentes e non presentar esa candidatura futura a infanta ou futbolista.

Nesa liña, Algalia seguiu e segue traballando desde no seu programa de cumprimento legal (compliance) para facilitar unha ferramenta integral de diagnose e avaliación e, en función dos seus resultados, ofrecer solución integral e tamén específica aos riscos concretos detectados en cada entidade.

Que soa como ou se parece a protección de datos, riscos laborais, calidade ou compliance penal? Si, efectivamente, pode ser. Pero iso será outro día…

Santiago Míguez
Responsable do Servizo Xurídico de Algalia Servizos para a  Economía Social

Voltar