A Segunda Estratexia galega de economía social: Horizonte 2027, presentada en xaneiro pola Xunta de Galicia, busca profesionalizar e diversificar as actividades desenvolvidas baixo estas fórmulas económicas e facelas aínda máis atractivas para mulleres e persoas mozas.

En palabras da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, esta iniciativa aspira a xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades ata 2027 grazas a un investimento de 170 millóns de euros, que incidirá en mellorar as competencias das persoas e entidades que desenvolven a súa actividade no cooperativismo e no resto dos modelos da economía social.

#Ante as entidades máis representativas deste modelo, a responsable autonómica incidiu en que Galicia quere posicionar a economía social no conxunto da economía de mercado e nos distintos sectores – tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sostible- grazas á súa transversalidade.

Algunha das medidas que recolle este documento son a posta en marcha dunha rede de aceleradoras, a través dos “polos de emprendemento”,  que permita atraer ideas e investimentos á economía social galega e implantar programas para identificar oportunidades de negocio. Tamén a creación dun campus formativo para a capacitación de axentes intermedios e persoal de xestoría.

Entre os obxectivos da Xunta atópase dotar ás entidades de medidas que favorezan a comunicación das iniciativas e reforzar o peso desta fórmula no conxunto da economía galega mediante a revisión de aspectos normativos. Tamén reducir o tempo de constitución das entidades a 37 días de media para incrementar o seu crecemento un 25% en sectores emerxentes.

Voltar