O Tribunal Supremo avala a distribución estatal do 0,7 do IRPF

O Tribunal Supremo ten ditado a súa sentenza do 15 de marzo de 2016 desestimando un recurso contencioso-administrativo da Generalitat de Cataluña contra o Real Decreto que regula o sistema de repartición estatal de fondos ás entidades sociais.

A consecuencia práctica máis importante será a seguridade xurídica para poder efectuar convocatorias de subvencións para programas de interese xeral do ámbito social desde o ámbito estatal, de enorme importancia para un gran número de entidades tanto de ámbito estatal como autonómicas, pero, especialmente, para un moi elevado número de persoas usuarias e beneficiarias deses programas.

Sobre este tema houbo opinións enfrontadas que desagregamos brevemente a continuación:

  • Desde Cataluña ofrécese un enfoque xurídico e político, lembrando que se cambiou unha traxectoria de trece sentencias do mesmo Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional ao longo de 20 anos sobre cal administración ten a competencia de distribuír os fondos do 0,7% do IRPF para fins sociais, reinterpretando a Constitución Española e evidenciando os conflitos entre Cataluña e o Reino de España, propoñéndose desde a Taula do Terceiro Sector a inmediata transferencia desas competencias a Cataluña; e outro económico, lembrando que as achegas catalás suman 45 millóns de euros, pero Cataluña recibe 30,8 millóns.
  • Desde o ámbito estatal a Plataforma do Terceiro Sector resalta que «Por primeira vez o Supremo deunos a razón, dinos que as organizacións podemos facer as nosas actividades e que, independentemente de onde naza unha persoa, ten que ter os mesmos dereitos», aínda que comparte a reivindicación do traspaso de competencias; e no aspecto económico indica que eses fondos son soamente o 0,2% do diñeiro que o Estado transfire ás comunidades autónomas en materia de política social e que afecta a 13 millóns de persoas que, segundo asegurou, padecen pobreza ou exclusión social en España.

Ademais da influencia que poida ter noutros recursos pendentes, o razoamento resulta digno de mencionar. Na sentenza do 21 de maio de 2015 o Tribunal Supremo tiña anulado o Real Decreto 535/2013, deste mesmo ámbito, pero referido a “os gastos de funcionamento” tales como retribución do persoal, mantemento de sedes, etc.- de entidades do Terceiro Sector colaboradoras da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade” (fundamento de dereito cuarto da sentenza actual). Na sentenza do 15 de marzo de 2016 o Tribunal Supremo mantén o Real Decreto 536/2013, dese mesmo ámbito, porque non se refire a asistencia social (literalmente), senón a “programas de interese xeral”, en concreto “programas relativos a necesidades educativas, integración laboral, seguridade cidadá ou prevención da delincuencia”, denominacións estas extraídas do Real Decreto-lei 7/2013, do 28 de xuño, de medidas urxentes de natureza tributaria, orzamentaria e de fomento da investigación, o desenvolvemento e a innovación, en execución do cal se ditaba o Real Decreto 536/2015 (fundamentos de dereito segundo e cuarto da sentenza actual). «Fai referencia a todas aquelas actividades tendentes a atender estados de carencia ou necesidade que non teñen cobertura mediante outros títulos específicos».

En conclusión, parece despexarse o panorama, polo menos no plano xurídico, para a convocatoria de subvencións neste ámbito e todo iso, ademais, como anécdota, en 9 páxinas de sentenza, unha breve extensión para o que adoita ser habitual.

E mentres tanto, en Galicia estabamos e estamos coa Proposición de lei de modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, camiñando con paso decidido cara ao concerto social, tomada en consideración polo Pleno do Parlamento de Galicia ese mesmo día 15 de marzo de 2016 con só 2 votos en contra, pero esa é outra historia para outro momento.

Santiago Míguez
Responsable da Asesoría Xurídica de Algalia Servizos para o Terceiro Sector

Voltar