O día 5 de xuño celebráronse de forma simultánea as asembleas ordinarias das cinco entidades representativas da economía social e a continuación celebramos todos xuntos o recoñecemento que realizou a Unión Europea, a Galicia como Rexión Amiga da Economía Social.
Na asemblea de Espazo Coop, que tiña a honra de presidir, tivemos eleccións e foi elixida Ana Olveira como nova presidenta, derivado da miña dimisión, por motivos persoais. Nesta nova etapa quedarei no consello reitor de Espazo Coop, e centrareime fundamentalmente no Foro pola Economía Social Galega, que se constituirá legalmente en próximas datas.
Nesta etapa como presidente de Espazo Coop, tratei de priorizar os servizos ás cooperativas asociadas, abordar o proceso de fusión dentro do cooperativismo de traballo asociado e abrirnos á economía social a través do Foro da Economía Social Galega. Dou un paso atrás, satisfeito e despois de ter a sorte de aprender moito e compartir moito con moitas persoas e organizacións nestes anos.
O acto de celebración de Galicia Rexión Amiga da Economía Social, para min foi un acto moi emotivo, por canto se recoñece unha labor de moitos anos realizada por moitas organizacións e doutra banda un labor recente de camiño compartido a través do Foro da Economía Social Galega. Máis de 250 persoas congregámonos para celebralo. Supuxo un momento de encontro e de xeración de identidade colectiva. Mostrou a capacidade e potencial que podemos ter. Acudiron á cita cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción, representantes dos grupos parlamentario, sindicatos, …. Temos un futuro prometedor!!
Para a nosa cooperativa, Algalia S. Coop. Galega, a participación a través da miña persoa no Foro da Economía Social Galega, é unha forma de contribuír a desenvolver e vertebrar sector e por tanto desenvolver o principio cooperativo de transformación social e intercooperación. Ao mesmo tempo para min é un luxo poder contar coa dispoñibilidade que me ofrece Algalia S. Coop. Galega de poder emprender neste apaixonante proxecto colectivo e devolver o moito aprendido, durante a nosa experiencia empresarial.
Celso Gándara Carnero
Xerente de Algalia Servizos para a Economía Social