Parte do equipo de persoas de ALGALIA tentamos saír de Guantánamo. Empregámonos a fondo e, lográmolo? A solución ao final. Por favor, siga lendo.
En ALGALIA, como noutras moitas empresas, aproveitamos as datas do Nadal para compartir mesa e mantel. Non falta o noso tradicional sorteo de obxectos imposibles e a promoción de servizos da Seguridade Social (isto non é preciso entendelo de todo, jeje). Nesta ocasión, antes da comida, entretivémonos experimentando un xogo de Escape Room.
En Eskapark Vigo un equipo de 5 intrépidas persoas tentamos saír de Guantánamo. Ademais das risas e algún pequeno golpe, levámonos algunha aprendizaxe … tamén sobre organizacións e liderado. Comparto algunha reflexión respecto diso agora mesmiño. Pero antes, de nada …
De que vai o xogo?
Tal como contan en Eskapark, un Escape Room “é unha aventura no mundo real, na cal seredes encerrados nunha das nosas salas e dispoñedes dun tempo determinado segundo xogo para resolver diferentes enigmas e probas que vos permitirán lograr o obxectivo final: escapar antes de que se acabe o tempo”.
En ALGALIA dividímonos en tres grupos, e cada un deles tivo que saír dunha sala diferente. Guantánamo era unha delas. Tivemos o reto de saír de Guantánamo en 60’.
Unha metáfora?
Algúns elementos para construír unha metáfora: 5 persoas que comparten un obxectivo e que acaban coordinándose, un tempo establecido para conseguir o resultado esperado, o escoitar de cando en vez a outro grupo de ALGALIA que “parece que van mellor que nós”, certa necesidade de estar en boa forma física, pero onde o determinante é o coñecemento e a resolución de problemas …
Pois parece que máis que unha metáfora foi toda unha experiencia. Nas metáforas non se súa.
Unha experiencia de planificación, programación, traballo en equipo, competitividade dentro do equipo e con outros equipos, de reflexionar e parar en condicións onde corre o reloxo e parece que hai asuntos máis urxentes, aínda que non que acheguen máis valor … Como a vida mesma, tamén dunha organización ou dun equipo de liderado compartido.
Cales son os Guantánamo das nosas organizacións?
De entrada, hai Guantánamo nas nosas organizacións? Creo que si. En todas as organizacións hai retos nos que é preciso chegar a outro sitio distinto, de maior liberdade, de superación de estruturas ou dinámicas, de espazos físicos ou emocionais negativos fóra da legalidade institucional.
Parece que hai qué saír de moitos lugares nun tempo limitado e urxente, e onde non hai unha certeza sobre o que hai que facer, máis aló de utilizar o que tes a man e procesar a información que percibes ou xeras.
Recoñezo algúns Guantánamo nas nosas organizacións:
- O Guantánamo duns modelos mentais organizativos onde non sabemos se dan máis de si, pero onde está claro que non están a ofrecer os resultados que agora se necesitan (estabamos a ver a chave que abría un cadeado que nos permitía avanzar cara á nosa saída, pero non se podía chegar a ela desde onde a viamos. Que difícil darse conta de que pode haber máis dunha vía de acceso a algo! A solución veu de fóra). A participación das persoas, de todas, nas nosas organizacións?, por exemplo …
- Guantánamo dunha rutina e inercia que limita a capacidade de atreverse a facer algunha cousa inconcibible para poder acceder a algo que necesitas (alguén do equipo tivo que introducir a súa man na cunca do váter para poder coller un obxecto que resultaba imprescindible. Que difícil superar a aprensión ou o noxo!). Novas vías de financiamento para as nosas organizacións, o contar co valor doutras organizacións?, por exemplo …
- O Guantánamo dun activismo e voluntarismo que limita a capacidade de atreverse a parar para pensar, a procesar información dispoñible ou identificar que necesitamos saber e non sabemos (nas salas había moitos obxectos, pero non todos servían para o noso propósito. Cargabamos con todos, e algúns só conseguían retardarnos). Dinámicas de relación ou xuízos instalados sobre cuestións dos que tanto nos custa desprendernos? Parar e pensar, fronte a actuar e parecer ocupados?, por exemplo …
- E uns cuantos máis …
Quen ten unha funda laranxa?
Antes da foto eramos as cinco persoas que nos coñecemos: Lupe, Jorge, Javier, Miguel e David. Despois da foto, e en pleno xogo, eramos “A Pocha”, “O Galo”, “Mark Ciano”, “Rebéntoche Jones” e “ Kadenita”. Os mesmos, pero cun alias, un rol, unha función, unha habilidade, unha traxectoria, unha responsabilidade, unha reputación …
Durante o xogo “ movéronse os marcos das leiras”: non importaba tanto o anterior. Eramos a persoa que se atrevía, a que atopaba, a que resolvía códigos, a que vía fisicamente os números dos cadeados, a que volvía atrás, a que animaba, a que levaba todo, a que pedía axuda canto antes, a que lle molestaba pedir axuda …
Cada persoa era ela mesma, con todo o que é e pode ou quere achegar. Como nas organizacións …
Como saír de aí?
Temos que recoñecer que rapidamente avanzamos, e rapidamente atascámonos. Desde un teléfono podiamos pedir un pouco de axuda ao noso gardián. Previamente informounos do permitido e do prohibido, e en ningún momento díxonos como debiamos facer, soamente dábanos pistas sobre algo que nos podería servir de axuda …
Case sempre foi a mesma persoa a que pedía axuda. Soamente non o fixo cando estaba moi lonxe do recurso: o teléfono. Ás veces, facíao sen consultar co resto, ou soamente solicitando a opinión de alguén significativo para ela… Cantas cousas!
Para saír necesitamos tomar conciencia do obxectivo, recorrer moitas veces ao plan de fuga de alguén que o tentaba antes (unha boa pista, un Plan estratéxico?), saber solicitar axuda e saber recibir axuda … tamén un pouco de sorte.
Como saír dos Guantánamo organizacionais?
Co Guantánamo real Obama non puido. Era o seu compromiso, era a expectativa dos que o apoiaron e simpatizaban con esa causa … pero as cousas, case sempre, son endiabladamente complexas. Tamén o noso sinxelo Escape Room.
Dentro dos múltiples factores, o traballo en equipo, o liderado, a disciplina de actitudes positivas, a toma de conciencia, o pararse … son elementos que resultan de utilidade para enfrontar retos complexos. En VIRADA Liderado son o material constante de traballo. Apúntastee? Para saber máis, pica aquí. Para inscribirte, pica aquí.
Vaiamos ao interesante … Saístes?
Pois si, pero no minuto 62… e cun pouco de axuda.
Sentímonos aliviadas por saír, un pouco molestas porque outro equipo de ALGALIA conseguírao antes, e reconfortadas porque o noso xogo era “un pelín máis difícil”. Consolounos saber que outro equipo de ALGALIA tardou bastante máis … Vaia consolo!
O bo é que algo aprendemos: seremos mellores na próxima ocasión.
David Pereiro
Socio Consultor en Algalia S. Coop. Responsable do Programa VIRADA Liderado