Desde fai aproximadamente 7 anos, algalia participa activamente na AECA –Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas-, a través da súa presenza na Comisión de Entidades sen Fins de Lucro –en adiante ESFL-.

O ano no que empezamos a nosa andadura neste proxecto foi o 2011, ano no que o se aprobou o vixente Real Decreto 1491/2011, de 24 de outubro, de normas de adaptación do plan xeral de contabilidade ás ESFL.

A nosa chegada á Comisión de ESFL da AECA coincidiu co período de consultas que tiña aberto o ICAC para recoller propostas e debates para enriquecer dita normativa contable tan relevante para o sector. Nese momento poder participar nese proceso foi unha experiencia impagable.

Fora dese momento inicial de loucura a Comisión traballa regularmente –unha vez ao mes- en sesións plenarias realizadas en Madrid ás que se pode asistir tamén por Skype, debatemos e traballamos sobre dous formatos moi concretos:

1- Documentos AECA: cada comisión das dez que ten operativas AECA emite periodicamente documentos de análise profundo sobre temas concretos do seu ámbito de influencia –estes documentos trabállanse durante meses e abordan detidamente aspectos xerándose textos profusos e esclarecedores-.

Esta comisión, desde que Algalia forma parte dela ten elaborado os seguintes:

  • Indicadores para Entidades Sen Fins Lucrativos.
  • Identidade das Entidades Sen Fins Lucrativos.
  • A Auditoría das contas anuais das entidades sen fins lucrativos.

Amais téñense revisado os dous primeiros documentos realizados en 2008 e 2010 á luz da nova normativa contable aprobada en 2011. Os documentos revisados foron:

  • Marco Conceptual da Información Financeira para as Entidades Sen Fins Lucrativos.
  • Os Estados Contables das Entidades Sen Fins Lucrativos.

2- Opinións emitidas: algunha das comisións que ten a AECA empezou en 2014 a emitir ditames feitos polos expertos que compoñen as mesmas sobre aspectos aínda máis concretos, practicamente de interpretación de cuestións máis cotiás e operativas. No caso da comisión de ESFL lévanse emitidas dúas opinións:

  • Contido das memorias abreviada e de pemes para entidades sen fins lucrativos
  • Criterios para a aplicación do Plan de Contabilidade das entidades sen fins lucrativos

Na actualidade estamos traballando en dúas opinións máis, unha sobre o tratamento contable das doazóns recibidas por ESFL e outra sobre o cambio de auditores en ESFL.

Todo este traballo é realizado por un grupo incansable de participantes voluntarios que contan cunha ampla experiencia nestes aspectos –profesorado e catedráticos universitarios, auditores, responsables de ESFL de grande relevancia, etc…- e no que nos sentimos orgullosos de participar. Só queda esperar que o traballo desenvolto sexa de proveito para o sector. Ese é o noso acicate.

Jorge Rodríguez
Socio Responsable de Algalia S. Coop. Galega

 

Voltar