En abril de 2015, e no marco do Plan estratéxico 2014-2016, emprendemos unha revisión dos nosos referentes indentitarios. En febreiro de 2018 aprobamos en Asemblea os Principios Cooperativos de ALGALIA S.COOP.GALEGA.

Levou tanto tempo?

Iniciamos o camiño no proceso de reflexión estratéxica que conduciu ao Plan estratéxico 2014-2016. Esta iniciativa estratéxica (Desenvolvemento de implantación de principios e culturas corporativas) enmarcábase nun obxectivo estratéxico (Desenvolver elementos do modelo corporativo) dun proxecto de cambio corporativo (Desenvolvemento do modelo corporativo).

A “xogada” estaba marcada, e executouse cando acordamos que era o momento oportuno, cando contamos coas condicións favorables para avanzar.

Para qué o fixemos?

Para dotarnos de ferramentas que nos axuden a ser máis coherentes con que dicimos e queremos ser: unha cooperativa de traballo asociado.

Temos a aspiración última de contribuír á transformación da sociedade na que participamos, e o significamos dando impulso a un proxecto cooperativo sustentable, responsable socialmente no ámbito da economía social e cun retorno persoal e grupal satisfactorio.

Con este documento delimitamos o “campo de xogo” no que queremos operar, no que cooperamos para desenvolver o noso proxecto empresarial dentro da economía social.

Cómo o traballamos?

Contamos coa colaboración de Iñigo Iñurrategi, do Grupo Mondragón, para nunha sesión de traballo de formación e consultoría enfocar e iniciar o traballo.

A continuación, co liderado dos Consellos Reitores de ALGALIA S.COOP. GALEGA, en primeiro lugar David Pereiro, Marta Armada e Fran del Riego; e logo, David Pereiro, Rafa Carrasco e Fran del Riego, avanzamos na construción compartida deste marco referencial.

E agora que?

Agora contamos cun referente que contribúe ao establecemento de criterios para a toma de decisións políticas, directrices e cuestións operativas na nosa empresa.

Chegamos con este documento ao inicio dun camiño no que queremos velar pola coherencia entre o que dicimos e facemos, que nos axuda, ademais de orientar como nos conducimos dentro da empresa, a situarnos na nosa comunidade e participar activamente no seu desenvolvemento.

Velaquí o resultado do noso proceso

Para acceder ao documento, que contén no preámbulo unha mirada á traxectoria de ALGALIA S.COOP.GALEGA, podes picar aquí: Principios cooperativos de ALGALIA S.COOP.GALEGA.

David Pereiro
Presidente de Algalia S. Coop. Galega

Voltar