Que papel queremos xogar como cooperativas ou entidades de economía social?

Que papel queremos xogar como cooperativas ou entidades de economía social?

Neste mes de maio tiven a oportunidade de participar en varias actos, que me permitiron reflexionar acerca de se temos un papel que desenvolver a maiores do desenvolvemento dos nosos negocios, no caso das empresas da economía social (cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego ou empresas de inserción) ou actividades e servizos no caso das organizacións non lucrativas (asociacións, fundacións …)

O pasado 23 de maio  11  Ministros de países  europeos, incluída España, asinaron a Declaración de Madrid, un documento que pretende situar ao sector da economía social no centro das políticas económicas europeas e lanzar unha “economía europea da Economía Social” que permita impulsar o seu desenvolvemento.

Cal pode ser o impacto real disto?

En primeiro lugar se non apareces como un suxeito nas políticas non existes, isto ten que ver con que a economía social será un dos suxeitos sobre os que se desenvolvesen as políticas de desenvolvemento económico en Europa. Por tanto existirá un Plan de desenvolvemento da Economía Social en Europa, ao que se lle asignará un orzamento. Iso derivará en que existirá un Plan de Economía Social a nivel estatal. Mantendo o efecto fervenza, haberá un Plan da Economía social a nivel Autonómico. Estes plans determinarán a composición, denominación e funcións das estruturas orgánicas das diferentes administracións públicas. Co cal isto pode determinar cambios na forma de funcionar e de agruparse por parte das entidades que representamos á sociedade civil.

Desde este contexto creo que emerxe con claridade, a necesidade e a oportunidade para que as entidades que conformamos a economía social axuntemos esforzos e con axilidade adaptémonos ao novo escenario que temos diante.

Unha incidencia política de maior impacto, podendo acceder a espazos nestes momentos restrinxidos á representación empresarial e sindical sen dúbida poderíanos permitir un impacto maior e situar a economía social na axenda política.

A intercooperación e o intercambio comercial (mercado social) entre entidades que conforman a economía social, xeraría un maior desenvolvemento do sector e ao mesmo tempo identidade e músculo.

O 2 de Xuño 4 persoas socias de Algalia, participamos na primeira asemblea de Espazo Coop, que é a Unión de cooperativas de Galicia, que xorde da fusión de tres organizacións que representaban ao cooperativismo. En se mesmo xa é un feito reseñable falar de procesos de fusión e integración en Galicia. Ademais quería destacar dous elementos, que poden ser unha oportunidade nos próximos anos:

  1. A tramitación da Lei de contratos do sector público, que se está tramitando no Congreso dos deputados e que pode abrir de verdade un espazo para as cláusulas sociais, tal e como recolle a directiva europea.
  2. A necesidade de incrementar dimensión, xerando economías de escala para poder acceder a novos servizos, novos mercados, ser máis eficientes, abordar a innovación etc. Existen riscos serios de podernos quedar fóra, ou ter presenza residual dentro do mercado público. As licitacións cada vez son de lotes máis grandes que están a impedir o acceso das entidades de economía social, dado o noso pequeno tamaño, e fannos perder oportunidades. O establecemento de diversos tipos de alianzas ou integracións é unha ferramenta para poder aproveitar mellor estas oportunidades.

Nos mercados privados, o visibilizar que somos entidades de economía social pode ser xunto con produtos e servizos con boas propostas de valor factores que nos axuden a ser sustentables a longo prazo. A necesidade de que xurdan referentes e liderados dentro de diferentes sectores, que fagan de tractores do sector seguramente axudaría ao desenvolvemento do mesmo.

Temos coñecemento e se non, sabémolo buscar, pero como dicía Suso de Toro, no acto de presentación de Espazocoop necesitamos “disposición”. Esa frase tróuxome moitas imaxes da miña infancia. A miña nai adoitábama dicir … “Un pouco máis de disposición Celso” Pois iso,  creo que  as persoas que estamos en movementos vinculados á economía social, estamos chamados a “dispoñernos”  a abordar os retos comúns do futuro desde unha entidade  que nos agrupe e que nos visibilice diante da sociedade. Os aspectos específicos de cada colectivo xa están a ser abordados desde cada entidade representativa.

Celso Gándara
Xerente de Algalia  e Presidente de Espazocoop

 

Voltar