CEPES solicita que a Lei de contratación pública atenda a criterios sociais

A Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), da que COCETA forma parte, solicita aos grupos políticos que o Proxecto de Lei de Contratación Pública que se debate no Congreso atenda –como reclama Europa– a criterios sociais e ambientais, e non soamente á oferta máis vantaxosa.

Así o deu a entender nun comunicado. Segundo explicaron, CEPES mantivo “ contactos con todas as forzas políticas con representación parlamentaria para trasladar e incluír no futuro texto lexislativo todas as súas propostas, en especial a transposición do artigo 77 da Directiva Europea, que non foi incluído no proxecto de lei”.

“É importante destacar que todos os grupos parlamentarios mostraron o seu apoio e recoñecemento ás propostas de CEPES, polo que confiamos que as diferentes fases da tramitación parlamentaria recollan os contidos propostos desde a Economía Social, e supoñan un cambio na concepción da contratación como unha ferramenta de política pública que contribúe á xeración de riqueza, emprego estable, cohesión social e territorial”, sinalou o presidente de CEPES, Juan Antonio Pedreño, quen tamén preside COCETA.

A patronal da economía social considera que este proxecto de lei, que supón o 20% do PIB, non aproveita todo o potencial que a Directiva Europea ofrece para que as empresas e entidades da Economía Social participen nos procesos de contratación pública. “Actualmente”, engadiu Pedreño, “a porcentaxe de contratos públicos adxudicados a empresas e entidades da Economía Social resulta moi escaso en relación co seu peso real no PIB e no emprego”.

Para cambiar esta situación, CEPES aposta porque a transposición ao ordenamento xurídico español inclúa as propostas referidas a múltiples aspectos que non quedaron contemplados nos Proxectos de Lei, a pesar de que moitos deles foron defendidos polo Consello Económico e Social.

As propostas de CEPES céntranse en superar o “desfasado concepto da oferta económica máis vantaxosa” á hora de adxudicar contratos públicos, e substituílo polo de “mellor relación calidade-prezo”, como establece a Directiva; na inclusión obrigatoria de cláusulas sociais nos criterios de adxudicación e nas condicións de execución dos contratos; na aplicación efectiva e con garantías da reserva obrigatoria de contratos para as empresas cuxo obxecto social sexa a creación de emprego para persoas con especiais dificultades de empleabilidad (Centros Especiais de Emprego, Empresas de Inserción e Cooperativas de Iniciativa Social); e en dotar ás Administracións Públicas das ferramentas establecidas na Directiva para realizar reservas potestativas de contratos a favor de empresas propiedade dos traballadores, ou nas que os traballadores participan na súa xestión, sempre nas categorías de contratos de servizos sanitarios, educativos, culturais, sociais… tal e como establece o Artigo 77 da directiva.

Ademais, CEPES considera necesario “clarificar os supostos de subrogaciones empresariais que afectan a modelos específicos de empresas de Economía Social, Cooperativas de Traballo Asociado e Centros Especiais de Emprego; recoller na normativa estatal, por primeira vez, a posibilidade para as Administracións Públicas de acollerse ás figuras de autorización e licenza (concertos sociais) para a provisión de servizos sociais por parte de operadores sen ánimo de lucro”. E a plena efectividade inmediata da prohibición para contratar coas administracións para aquelas empresas que incumpran a obrigación de contratar a persoas con discapacidade (cota de reserva).

CEPES cre que a inclusión destas propostas na futura lexislación española de contratación pública garantirá a eficiencia e racionalización dos orzamentos públicos, ao fomentar a participación das pemes e empresas e entidades da Economía Social, un sector que demostra que é posible compaxinar a xeración de riqueza coa cohesión social e territorial.

Voltar