Juan Mateo e Josemi Valle no seu divertido e revelador libro “O traballo dignifica… e cen mentiras máis” esmiúzan algúns tópicos que empobrecen e limitan as nosas relacións. “Eu son así”, “A culpa é dos meus pais, que me fixeron así”, Son o de sempre”, “Xa son moi maior para cambiar e aprender cousas novas”, “O pasado non se pode cambiar”… son algúns dos que mostran o determinismo en que algunhas persoas aceptan vivir as súas relacións laborais e persoais nas nosas organizacións.
En numerosos contextos de consultoría e formación adoito comentar que “un elixe facer o que fai como resposta á situación que percibe. Un elixe actuar do xeito que o fai porque lle parece que é a mellor posible, dadas as circunstancias, para perseguir os seus intereses segundo os seus valores,”. A frase ten miolo. Vexamos a súa aplicación nun contexto organizacional, con algunhas preguntas para a reflexión persoal ou grupal.
De actuar ninguén se libra.
Non podemos eludir a acción, estamos abocados a actuar. Nas organizacións nas que participamos, polo mero feito de estar, estamos a adoptar unha posición respecto á súa causa, ás súas actividades, ao seu xeito de conducirse (isto é, os seus valores), á súa efectividade.
As persoas responsables fanse cargo das súas accións (e omisións). No desempeño das nosas funcións na nosa organización facemos moitas cousas diariamente, e coñecemos moitas cousas que pasan diariamente. De cantas nos facemos cargo, de cantas nos responsabilizamos?
De elixir ninguén se libra.
Actuamos constantemente, xa que de actuar ninguén se libra. E en cada acción, eliximos. Sempre temos capacidade de elección. Sobre iso reflexionou en profundidade Viktor Frankl, asentando o seu pensamento sobre unha dura experiencia na que parecía que non había opción.
Eliximos sempre, e tendemos a ter uns patróns de preferencia nas nosas eleccións. Somos conscientes dos nosos patróns de elección “por defecto”? Coñecemos os dos demais? Abrímonos a novas eleccións?
De percibir ninguén se libra.
É sabido que a nosa percepción condiciona a nosa elección. Non sempre nos poñemos de acordo sobre o que sucede nas nosas organizacións, sobre o que pasa. A realidade non se mostra como unha verdade unívoca perceptible para todos dun xeito evidente.
A nosa percepción das cousas está mediada pola nosa bioloxía, sensibilidade, educación, posicionamento vital, filosofía…
Nas organizacións todos percibimos a realidade que creamos coas nosas relacións (a realidade non existe”, pero isto é unha reflexión para outro momento), pero facémolo dende a nosa perspectiva particular, que ademais é dinámica.
Reflexionamos sobre como imos construíndo a nosa percepción das cousas que pasan na nosa organización? Por que nos decatamos dunhas cousas, e outras non as percibimos? Coñecemos as formas de percibir doutras persoas e grupos cos que compartimos propósito organizacional?
Do interese ninguén se libra.
Actuamos, eliximos e percibimos dende o noso interese, dende o noso desexo de que as cousas discorran dun determinado xeito.
Os intereses, nas relacións nas organizacións, poden ser lexítimos ou ilexítimos (unha consideración legal sobre estes), bos ou malos (unha consideración moral sobre estes), axeitados ou inadecuados (unha consideración de efectividade sobre estes), públicos ou secretos (unha consideración sobre a transparencia destes)… o que resulta ineludible é que todas as persoas teñen intereses en discorrer das organizacións, e que obviar esta circunstancia é dun simplismo que adoita levar ao desastre.
Coñecemos os nosos intereses? Os doutras persoas ou grupos cos que compartimos propósito organizacional? Como conviven eses intereses? Que formas de relación eliximos entre eles?
De ter valores ninguén se libra.
Os valores condicionan as nosas eleccións, sobre todo os valores efectivos, os que transparentamos coas nosas accións: “o ser”.
O ” deber ser”, os valores que aspiramos transparentar co noso comportamento persoal e organizacional, nos tensionan á hora de elixir as nosas accións, e convén que sexa así. Pero os valores que operan, os que están presentes nas decisións que finalmente se toman nas relacións entre as persoas nas organizacións, son os relevantes. Son os que crean unha realidade máis compartida.
Coñecemos os nosos valores efectivos? Coñecemos e temos priorizados os valores de noso “deber ser”? Como xestionamos as inevitables contradicións?
Para finalizar, aquí de novo a fraseciña: “un elixe facer o que fai como resposta á situación que percibe. Un elixe actuar do xeito que o fai porque lle parece que é a mellor posible, dadas as circunstancias, para perseguir os seus intereses segundo os seus valores,”. Boa reflexión!
David Pereiro
Socio consultor de Algalia Servizos para o Terceiro Sector