A Cooperativa de integración social Altavoz é unha iniciativa promovida desde FEAPS, que traballa co obxectivo de lograr máis autonomía para todas as persoas. Está formada por persoas con discapacidade que lideran a súa propia empresa. Desenvolven servizos nos ámbitos de:
- Formación en cidadanía, dereitos, accesibilidade e lectura fácil.
- Avalían servizos para a calidade de vida das persoas.
- Adaptan textos complexos a textos accesibles.
- Analizan espazos para mellorar a súa accesibilidade cognitiva.
A alianza Fundación EDE e Algalia para a prestación do servizo consiste no acompañamento para un proceso de desenvolvemento organizacional (DO) que propicie o aliñamento das persoas implicadas (socias cooperativistas, persoas colaboradoras e membros do equipo técnico) co proxecto empresarial cooperativista.
Entendemos que a colaboración entre Algalia S. Coop. Gallega (Galicia) e a Fundación EDE (Euskadi), achega un valor específico ao desenvolvemento do proxecto, como son os seguintes elementos:
- A experiencia de máis de 20 anos no acompañamento a organizacións e empresas vinculadas co terceiro sector de acción social: asociacións, fundacións, centros especiais de emprego, sociedades limitadas, sociedades laborais, cooperativas…
- A experiencia de intervención en equipos e persoas desde ferramentas de desenvolvemento grupal e persoal: desenvolvemento organizacional, coaching de equipos, coaching de persoas…
- A complementariedade institucional e a propia experiencia organizacional: Algalia, proxecto empresarial como cooperativa de traballo asociado; Fundación EDE, proxecto fundacional con experiencia na integración laboral e o fortalecemento do terceiro sector de acción social.
- A experiencia de colaborar con anterioridade no desenvolvemento de proxectos complexos: Avaliación do I Plan estratéxico do Terceiro sector (para a POAS, Madrid); Programa Virada, Programa para o fortalecemento do liderado de Equipos de dirección en Centros educativos (para Escolas Católicas de Galicia); e a colaboración en accións formativas sobre contidos diversos.
- O territorio de orixe de Algalia e Fundación EDE, Galicia e Euskadi, permitirá enriquecer o proceso con referencias distintas e vivencias particulares descentradas da situación de ALTAVOZ, Madrid.
Celso Gándara
Xerente de Algalia Servizos para o Terceiro Sector