Paulino Azúa nunha entrevista concedida á Plataforma de ONG de Acción Social con motivo da súa retirada de FEAPS. Nacido en San Sebastián (1944), Licenciado en Dereito. En 1967 empezou a traballar na Asociación Guipuscoana de Persoas con Minusvalidez Intelectual (actualmente ATZEGI), e en 1971 incorporouse a FEAPS onde traballou ininterrompidamente ata agora, primeiro como Xerente e logo como Director. Ademais, Azúa é presidente do Instituto para a Calidade das ONG.
1-. Un licenciado en dereito como vostede, Que é o que o fai achegarse ao movemento asociativo?
En principio nada en especial. Rematei os meus estudos na Facultade e xurdiume a posibilidade de dirixir a asociación de Gipuzkoa de familias de persoas con minusvalidez intelectual. Pódese dicir que empecei “para probar” e ata hoxe.
2-. Despois de 40 anos en FEAPS, coméntenos o mellor que se leva dese tempo profesional.
Son tantas cousas que non é posible resumir nunhas liñas tantos anos de vivencias, a gran maioría positivas. Resumíndoas creo que podería dicir que a miña satisfacción reside no feito de ter contribuído, xunto con moitas outras persoas, a conseguir que as persoas con minusvalidez intelectual teñan hoxe, substancialmente, unha mellor calidade de vida que hai anos. Non só elas senón tamén as súas familias.
3-. ¿Como ve na actualidade o Terceiro Sector de Acción Social, e sobre todo, cal cree que é o camiño a elixir nun futuro?
Aínda que agora se estea a pasar por momentos de crise e sufra as súas consecuencias, o Terceiro Sector irá a máis. Por unha parte, porque cada día está máis fortalecido e é máis visible, e por outra parte, porque os problemas actuais e os que sen dúbida van xurdir novos poñerán de relevo a necesidade de novas respostas que o Terceiro Sector terá que deseñar e poñer en práctica.
4.- ¿Provocará a situación actual de crise no futuro algún receso importante?
Naturalmente, de feito xa o está a provocar. Talvez non se note tanto no ámbito estatal -salvo a excepción dalgunha modificación negativa na aplicación da Lei para a Autonomía Persoal-, pero estase notando, e moito, nos recortes que se están producindo en case todas as Comunidades Autónomas.
5-. Como presidente do ICONG, ¿que é para vostede a calidade na ONG?
Díxeno moitas veces: A calidade ou é un impulso ético ou non serve para nada. Se só se ve como unha moda ou un intento de conseguir vantaxe competitiva -o que no Terceiro Sector non debería ter ningún sentido- terá pouca vida. Debemos traballar con calidade porque traballamos con e para persoas e estas requiren de nós o mellor que poidamos darlles.
6-. ¿Como ve a implantación da calidade nos sectores sociais españois?
Está a comezar. Este é un camiño longo no que haberá que vencer moitas rutinas, bastantes medos e non poucas carencias. Pero acabarase impoñendo.
7.- Tras corenta anos en FEAPS, ¿que é o que ha de mellorarse nas políticas relacionadas co mundo da minusvalidez?
Aínda queda case todo por facer. As persoas con minusvalidez intelectual, dende un punto de vista xurídico, son cidadáns de pleno dereito, pero non o son aínda dende o punto de vista social. Non necesariamente porque exista rexeitamento, que cando se produce é anecdótico, senón porque aínda non fomos capaces de producir os cambios necesarios para que estas persoas poidan vivir vidas plenas, felices e con significado, para elas e para os demais.
8.- ¿Son conscientes os diferentes gobernos que tivo España da problemática da minusvalidez? ¿ Traballan realmente as políticas relacionadas con ela?
En xeral hai que dicir que si. Os gobernos son conscientes, pero ás veces as medidas que adoptan son conxunturais, especialmente nalgunhas comunidades autónomas. Non só é cuestión de recursos materiais, que tamén o é, senón de continuidade nas políticas con independencia da cor política de cada goberno. O benestar social, en canto supón o benestar dos cidadáns, debería ser unha política de Estado, pero non o é.
Plataforma de ONG de Acción Social