A xornada “Soster para avanzar: aprendizaxes e estratexias para a sustentabilidade organizacional nas entidades de Plena inclusión”, organizada por Plena inclusión España xunto a FADEMGA Plena inclusión Galicia o pasado mes de setembro na Coruña, acolleu a presentación de sete prácticas exemplares de diferentes territorios galardoadas polo Comité Científico nas categorías de Innovación, tecnoloxía e alianzas e Economías coherentes coa misión.
Entre elas destacou a práctica “Xerando Valor Social”, desenvolvida pola Asociación APROSU, das Palmas de Gran Canaria, que consiste na implantación dun sistema de medición do Valor Social Integrado denominado Contabilidade Social, orientado a identificar, cuantificar e comunicar o impacto social, económico e comunitario que a entidade xera nos seus principais grupos de interese.
A Contabilidade Social permite transformar os resultados obtidos en información útil para a toma de decisións, la mellora continua e a rendición de contas, facendo visible o valor que xera a organización máis aló dos resultados económicos: tamén o valor real que achega ás persoas con discapacidade intelectual, as súas familias, profesionais, administracións públicas, entidades colaboradoras, provedores e sociedade en xeral.
Para a súa implantación, a Asociación APROSU aplicou a metodoloxía desenvolvida por GEAccounting, con acompañamento técnico especializado por parte de Algalia no marco da consultoría do programa de acompañamento a entidades de Plena Inclusión do ano 2024.
Ángel Rodríguez, responsable da área de Contabilidade Social de Algalia, explica en que consistiu esta colaboración e cal é a súa aplicación práctica nas entidades de economía social.
1. En que consistiu o traballo desenvolvido por Algalia xunto a APROSU para implantar o sistema de medición do Valor Social Integrado?
No marco do programa de acompañamento de Plena Inclusión, Algalia acompañou a APROSU no deseño e implantación do seu modelo de Contabilidade Social. O traballo desenvolveuse xunto a un equipo motor designado por la propia entidade, en varias sesións organizadas en seis fases:
- Formación do equipo motor en Contabilidade Social, para coñecer a metodoloxía e os seus conceptos clave.
- Cálculo do Valor Social de Mercado por parte de Algalia, a partir da información económica facilitada por APROSU.
- Elaboración do mapa de grupos de interese (stakeholders) e selección das persoas que os representarían no proceso.
- Diálogo cos grupos de interese, coas entrevistas repartidas entre o equipo de APROSU e o de Algalia.
- Sesión de traballo conxunta para identificar as variables de valor, os seus indicadores e os valores monetarios de referencia (proxies), que permiten expresar en euros beneficios que non pasan polo mercado. Despois, APROSU localizou nos seus rexistros internos os datos de actividade (outputs) de cada indicador para calcular o Valor Social de Non Mercado.
- Integración de ambos os valores por parte de Algalia para obter o Valor Social Integrado, e elaboración do informe final.
2. Que achega a metodoloxía de contabilidade social GEAccounting a unha entidade como APROSU? Como permite traducir o impacto que xera nos seus diferentes grupos de interese en información concreta e útil para a toma de decisións e a mellora da súa xestión?
A metodoloxía de Contabilidade Social GEAccounting permite a APROSU facer visible algo que a súa conta de resultados non recolle: o valor que xera para a sociedade. Os resultados móstrano con claridade. Partindo dun resultado contable de -77.790,85 euros, APROSU xerou un Valor Social Integrado de 20.159.423,79 euros, e por cada euro que recibe da Administración devolve 5,69 euros.
A metodoloxía mostra canto valor se xera, e tamén como e para quen, porque o valor se identifica a partir do que perciben os grupos de interese. Así a entidade pode comprobar se ese valor está aliñado coa súa misión e o seu propósito.
Ademais, o impacto tradúcese en información útil para a xestión. Cada variable de valor ten indicadores cuantificables asociados. Con eles, APROSU pode incorporar á súa estratexia accións orientadas a aumentar o valor que xera e levar eses indicadores ao seu cadro de mando para seguir a súa evolución. Así, a Contabilidade Social intégrase na xestión ordinaria e non queda nun informe puntual.
3. Desde a vosa experiencia, por que é importante que as entidades da economía social e do terceiro sector incorporen ferramentas de contabilidade social?
Pola súa propia natureza, as entidades da economía social e do terceiro sector xeran boa parte do seu valor fóra do mercado. A contabilidade tradicional só reflicte o resultado económico, así que ese valor queda invisibilizado, ás veces mesmo para la propia entidade.
A Contabilidade Social permite medir o valor xerado na súa totalidade. Ao valor de mercado suma o valor de non mercado e, cando a entidade o incorpora, o valor emocional. Desta forma mostra con datos o impacto real da entidade na sociedade e a súa contribución á sustentabilidade. É unha información cada vez máis útil ante administracións, financiadores e la propia base social.
Tamén permite saber a quen e en que contía se está xerando valor. Con iso, a entidade pode aliñar a súa estratexia co seu propósito e seguir a súa evolución mediante os indicadores incorporados ao seu cadro de mando.