Preto de 120 persoas formáronse como axentes de cambio en ALENTO, AGACA, EVD Galicia, AMIPA, Chamorro e Saúde Mental A Mariña. Coa diagnose terminada, o programa entra agora na súa segunda etapa: converter cada plan en cambios reais.
Durante os últimos meses, seis entidades do Terceiro Sector galego pararon para mirarse por dentro. Iso é o que buscaba a primeira etapa de VIRADA Teal, o itinerario que ALGALIA impulsa, coa referencia do paradigma TEAL, para acompañar a evolución da cultura organizativa na economía social. Hoxe esa etapa remata: ALENTO, AGACA, EVD Galicia, AMIPA, Chamorro e Saúde Mental A Mariña xa contan coa súa diagnose organizativa e o seu plan de evolución.
Detrás de cada informe hai moitas horas de conversa honesta. Case cento vinte persoas formáronse como axentes de cambio e levaron o peso do proceso. Debuxaron a liña do tempo da súa organización, puxeron nome ás tensións que arrastraban e elixiron os retos que de verdade querían afrontar. A formación, acreditada e certificada por EDE Fundazioa, deulles unha linguaxe común (os tres principios TEAL: propósito, autoxestión e plenitude) para mirar a súa propia casa con outra perspectiva.
O máis revelador apareceu ao poñer as seis miradas unha ao lado doutra. Cada entidade traballou pola súa conta, sen ver o que facían as demais, e aínda así chegaron case ao mesmo: hai que repartir mellor as decisións, falarse de fronte e non deixar que o propósito se perda entre as urxencias do día a día. Varias resumiron o seu ritmo de traballo coa mesma expresión, «apagar lumes», e varias elixiron para os seus plans imaxes case idénticas, a de remar coordinadas cara a un mesmo faro. Seis organizacións moi distintas, desde o dano cerebral adquirido ata a saúde mental, dixeron en voz alta o que moitas calan e coincidiron no esencial do que precisan.
E algo empezou a moverse mesmo antes de pechar a diagnose. En varias entidades xa se reúnen doutro xeito para compartir o traballo, escóitanse máis e empezan a acordar como decidir xuntas. O sinal é bo: isto non termina nun documento.
Agora arrinca a segunda etapa, a de levar eses plans á práctica. Entre 2026 e 2027 as entidades participarán en catro encontros grupais, os outdoors, e seguirán contando con acompañamento na súa propia sé. A idea que ordena esta fase é doado de enunciar e difícil de soster: poñer a estrutura ao servizo das persoas, tanto de quen traballa cada día nestas organizacións como de quen confía nelas. Seguimos remando.
VIRADA Teal é un programa que ALGALIA desenvolve co respaldo de CEPES (Confederación Empresarial Española da Economía Social) a través do programa EFESO, cofinanciado polo fondo Social Europeo Plus (FSE+), en colaboración con EDE Fundazioa.