Pablo Figueroa, asesor da área Económica desde hai 18 anos, foi un dos catro novos socios que se incorporaron á última ampliación de sociedade en Algalia en 2025, coincidindo co seu 30º aniversario. Isto é o que supón para él esta nova etapa:
“Lembro que, cando xurdiu a posibilidade de incorporarme a Algalia, o que máis me atraeu foi o tipo de entidades coas que traballabaría e o feito de entrar nunha cooperativa de persoas novas, na que poder medrar e madurar tanto profesional como persoalmente.
Converterme en socio representa un paso importante e moi ilusionante na miña traxectoria profesional. Afróntoo con ilusión e coa responsabilidade de poder contribuír de maneira máis activa a un proxecto que, ademais de ser o noso medio de vida, ten un claro compoñente de compromiso social. En Algalia axudamos a quen axuda, e sentirme partícipe dos proxectos dos nosos clientes dálle un sentido especial ao traballo.”
Que valores considera que foron clave para que hoxe se lle recoñeza como socio, e como influíu Algalia na súa forma de entender o traballo e ás persoas?
“Tanto eu como o resto das miñas compañeiras realizamos o noso traballo con profesionalidade, dedicación e compromiso, tanto co proxecto como cos clientes. Nesta nova etapa de cooperativización fomos consideradas catro persoas, e confiamos en que próximamente sexan mais as que consoliden este proceso.
En Algalia traballamos por e para as persoas. Prestamos os servizos desde a confianza e a profesionalidade pero tamén desde a cercanía. Buscamos ofrecer o mellor servizo posible, pero sen esquecernos do coidado propio: valoramos as boas condicións sociolaborais e traballamos por manter un clima laboral saudable, que para nós é esencial.”
Desde esta nova responsabilidade como socio, que compromiso sente que asume co resto do equipo e cos clientes aos que representa Algalia, e que lle gustaría achegar nesta nova etapa?
“Este novo rol como membro da cooperativa, que se suma ao de traballador, implica máis responsabilidades e permíteme ter unha visión máis ampla do proxecto. A perspectiva amplíase: pasamos de centrarnos únicamente no día a día da tarefa a comprender e participar nun ámbito máis global da cooperativa.
O compromiso cos clientes, a dispoñibilidade coas compañeiras e a dedicación ao traballo non creo que cambien de forma significativa, porque sempre estiveron presentes. As persoas que nos incorporamos agora a este proceso temos unha longa traxectoria en Algalia, e desde esa experiencia debemos ser capaces de achegar novos puntos de vista que axuden a mellorar as condicións sociolaborais e fortalecer o proxecto.”