Minerva COIRA é educadora/monitora na Asociación Nosa Sra. De Chamorro, unha entidade en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual. En 2025 participou en VIRADA EMOCIÓNS, un programa formativo de Algalia que está a piques de comezar a súa segunda edición 2026.

1. Antes de entrar en VIRADA EMOCIÓNS, que expectativas tiñas tanto a nivel persoal como profesional? Había algunha necesidade concreta —emocional, formativa ou dentro do teu labor na Asociación Chamorro— que te impulsase a dar este paso? Como chegaches a coñecer o programa VIRADA EMOCIÓNS e que che motivou a participar nel?

A verdade é que, antes de empezar VIRADA, sentía a necesidade de parar un pouco.

A nivel profesional, buscaba ferramentas que me axudasen a xestionar mellor todo o emocional, porque no día a día traballamos con situacións intensas e non sempre é doado sostelas sen que che pasen factura. Quería mellorar como profesional, si, pero tamén atopar un xeito de acompañar que fose máis tranquilo e máis sostible para min.

A nivel persoal tamén contaba con esa sensación de cansazo, de esixirme moito e de non parar nunca a recolocarme. Necesitaba aprender a coidarme un pouco máis dentro do propio traballo.

Coñecimos o programa a través da entidade, e desde Dirección tívose moi claro que era importante que participásemos persoas de atención directa. Para min foi importante, porque sentín que non era só algo individual, senón unha aposta real por coidar cómo acompañamos. E a partir de aí, sentín que este programa podía darme xusto ese espazo que me faltaba: parar, mirarme e entender desde onde estou a facer o meu traballo. Iso foi o que me animou a participar.

 

2. Durante o proceso, axudouche o programa para identificar aspectos de ti mesma que antes non tiñas tan presentes? Cales?

Si, moitísimo. Sobre todo axudoume a darme conta do importante que é poñer límites. Vinme reflectida en moitas situacións nas que asumía máis do que me correspondía ou preocupábame por cousas que realmente non dependían de min.

Moitas veces fas iso desde o compromiso, pero chega un punto no que te sobrecarga sen darche conta. Poñerlle nome a isto foi clave. Axudoume a baixar a autoexigencia e a empezar a tratarme cun pouco máis de coidado. Non foi especialmente cómodo velo, pero si moi necesario.

 

3. Incorporaches ferramentas ou metodoloxías do programa na túa práctica profesional? Como se beneficiou a túa entidade diso?

Si, aos poucos fun incorporando cousas que agora forman parte do meu xeito de traballar. A escoita activa, por exemplo, foi un cambio importante. Agora intento parar máis, escoitar sen tanta présa, sen querer resolver rápido, e validar o que a outra persoa está a sentir. Tamén utilizo a respiración consciente e pequenas estratexias para regular situacións cando hai tensión: baixar estímulos, esperar, non reaccionar de primeiras… Son cousas sinxelas, pero que marcan moito a diferenza.

Isto nótase especialmente en momentos de frustración, conflito ou axitación. Antes podía vivilo con máis nervios ou sensación de desborde, e agora sento que podo estar desde un lugar máis tranquilo.

Tamén me axudou a escoitarme máis e a non esixirme tanto constantemente. E ao final, todo isto vaise notando na contorna: hai máis calma, máis comprensión e un xeito de relacionarnos máis coidada.

 

4. Cres que cambiou o teu xeito de acompañar a outras persoas ou colectivos? En que sentido?

Si, claramente. Agora acompaño desde un sitio diferente. Antes tiña máis a necesidade de facer, de resolver, de intervir rápido… e agora estou moito máis no estar, en acompañar desde a presenza. Doulle máis importancia a validar a emoción, a entender que hai detrás e a respectar os tempos de cada persoa. Tamén son máis consciente do que me pasa a min nesas situacións, e iso axúdame a non reaccionar de forma automática.

Creo que agora o acompañamento é máis tranquilo, máis humano e real. E iso fai que os vínculos tamén sexan máis fortes e que se xeren espazos máis seguros.

 

5. Como definirías agora a importancia do traballo emocional dentro do ámbito social?

Para min agora é clarísimo: é a base. Se non coidamos a parte emocional, o traballo acaba sendo moi automático e desgasta moitísimo. Perdes conexión, tanto coas persoas como contigo mesma. En cambio, cando hai ese coidado, todo cambia. O acompañamento vólvese máis próximo, máis humano, máis auténtico. Non é un engadido, é o que sostén todo o demais.

 

6. Se tiveses que describir nunha palabra ou metáfora o que supuxo VIRADA EMOCIÓNS para ti, cal sería?

“Respiro”. Porque foi xusto iso: un espazo para parar, baixar o ritmo e recolocarme un pouco por dentro.

 

7. Houbo algún aspecto que che resultase especialmente desafiante ou incómodo? Como o xestionaches?

Si, abrirme e falar do que sento diante de xente que non coñecía ao principio foi bastante retador. Tamén o tema dos límites removeume bastante. Ver tan claro ata onde podes chegar e ata onde non… non sempre é cómodo. Pero fun levando aos poucos, sen forzarme, dándome tempo e confiando no proceso.

 

8. Se puideses mellorar algo do programa, que sería?

Engadiría algunha sesión de seguimento despois de terminar. Algo que permita volver conectar co traballado, porque no día a día é doado que todo isto dilúase se non o segues traballando.

 

9. Recomendarías esta experiencia a outras persoas do ámbito social ou asociativo? Por que?

Si, totalmente. Creo que é unha experiencia moi necesaria. Non só che dá ferramentas, senón que che dá un espazo para parar e mirarche, que moitas veces non temos. E no noso traballo iso é clave porque, ao final, acompañamos mellor cando estamos mellor.

Voltar