A cooperativa Algalia participou o pasado 15 de maio no encontro “As finanzas éticas na economía galega”, organizado por Fiare Banca Ética en Pazo Baión (Vilanova de Arousa), unha xornada que reuniu a representantes de redes, cooperativas e entidades sociais galegas xunto a responsables e organizacións socias de referencia da entidade financeira ética.
Algalia, socia de Fiare Banca Ética, estivo representada polo seu xerente, Celso Gándara, nun espazo de diálogo centrado no papel das finanzas éticas como ferramenta para fortalecer a economía social e solidaria en Galicia. O encontro serviu para compartir experiencias, analizar retos e explorar oportunidades de colaboración entre organizacións comprometidas con modelos económicos máis sostibles, participativos e orientados ao ben común.
A xornada comezou coa benvida institucional de Paola Zanet, directora de Fiare Banca Ética, e continuou cun primeiro bloque dedicado ao diagnóstico da economía galega e as oportunidades para as finanzas éticas, coordinado por Albert Gasch, responsable de Relacións Asociativas da entidade. Neste espazo participaron representantes de organizacións crave do tecido económico e social galego, entre elas EspazoCoop, REAS Galicia, AGACA, CEGASAL, Cáritas Santiago, EAPN Galicia ou AEIGA.
O programa incluíu tamén intervencións de Beatriz Fernández Olit, conselleira de Fiare Banca Etica; Covadonga Toca, directora do IGAPE; e Juan Garibi, vicedirector da entidade, quen abordou o papel estratéxico da economía social e o financiamento ético no desenvolvemento territorial e a transformación social.
Un dos momentos máis salientables do día foi o bloque dedicado a iniciativas de loita contra as mafias e a exclusión social, coa participación de representantes das organizacións italianas Libera e da asociación galega Érguete, entidades referentes na defensa dos dereitos sociais e a construción de alternativas comunitarias.
Alén dos espazos de reflexión e debate, as persoas asistentes puideron coñecer a historia de Pazo Baión e o proxecto cooperativo vinculado a Condes de Albarei, exemplo de recuperación social e económica na contorna rural galego.
Coa súa participación neste encontro, Algalia reafirma o seu compromiso coa economía social e as finanzas éticas, así como coa xeración de alianzas que contribúan a fortalecer organizacións transformadoras e modelos empresariais centrados nas persoas e o impacto social positivo.

