Debín ser unha das primeiras “clientas” de Algalia, cando dende o Colectivo Galego do Menor confiamos nun grupo de mozos que sabían o que tíñamos que facer para xestionar ben a Asociación e que, ademais, me ensinarían a aplicar ese rigor e esa visión de “sector” ao longo de toda a miña vida profesional.
Así que, cando me incorporei a Algalia para sacar adiante un novidoso proxecto, impulsado pola Obra Social da Caixa Galicia daquela época, sentinme na casa: xa compartíamos valores, metodoloxía e visión. Non había máis que sumar esforzos.
Socialia.org, nos inicios da comunicación dixital, ofrecía un espazo virtual de confluencia para as entidades do Terceiro Sector. Coa miña compañeira Elisa, “escudriñábamos” revistas e periódicos en papel, boletíns que chegaban por correo electrónico, as primeiras RSS con palabras clave para o sector, carteis e anuncios que podíamos atopar en calquera lugar… para seleccionar o contido que podía ser de interese para as entidades sociais galegas e poñelo ao seu servizo a través dun espazo web. Pensar hoxe en partir do analóxico para convertelo en dixital parece unha broma, como doutro século, pero é o que tiñamos naquel momento, e non era pouco…
Novas das Administracións Públicas que afectaban ás entidades, convocatorias de financiamento públicas e privadas, formación, novidades lexislativas, proxectos pioneiros que podían servir de inspiración, xornadas, persoas clave… O coñecemento que Algalia tiña do sector e o respecto co que se trataba calquera iniciativa, por grande ou pequena que fora, fixeron de Socialia.org un referente. E a confianza que a Obra Social tiña en nós era total.
Especial lembranza no afundimento do Prestige, cando a acción solidaria estaba desorganizada e segmentada nos primeiros días do desastre: ofrecíamos información actualizada obtida por radio, chamadas telefónicas… de puntos de encontro para o voluntariado ou necesidades das entidades que estaban dispostas a organizar limpezas. Queríamos reaccionar rápido e ben, prestando servizo, sen outros intereses.
Pero Socialia traspasaba as pantallas. Naqueles anos participamos en varias xornadas de asociacionismo e voluntariado da Universidade de Vigo (Algalia tamén rondaba por alí), na formación de voluntariado que organizaba a administración autonómica por toda Galicia, nas exposicións sobre temática solidaria que Caixa Galicia levaba ás rúas como “Solidarízate” ou “Viradeiras” (con postas en escea innovadoras e contidos sociais para toda a cidadanía).
Socialia non desapareceu porque deixara de ser necesaria ou interesante. A evolución do sistema bancario e das obras sociais tivo os seus efectos colaterais…
Algalia sempre tivo “conciencia de terceiro sector”, de participación social, de construción colectiva da vida. E este proxecto foi unha achega máis na que agradezo ter participado. Celebro tamén terme atopado con vós dende os inicios, ter aprendido con vós e sentirme parte deste benquerido sector xuntos.
Maite Serra, coordinadora da Fundación Secretariado Gitano en A Coruña