O pasado 11 de xuño, Algalia participou activamente na xornada técnica sobre Contabilidade Social organizada por Geaccounting, como antesala do Congreso de AEDEM celebrado en Santander.

A xornada reuniu a máis de cincuenta investigadores, profesionais e entidades que, ao longo do día, abordaron por esta orde diversas cuestións relacionadas coa Contabilidade Social:

  • Exposición de experiencias innovadoras: Entre as dez experiencias compartidas, o noso compañeiro Ángel Rodríguez presentou o proceso evolutivo do modelo de Contabilidade Social en S.C.I.L. (empresa de inserción laboral promovida por Cáritas Diocesana de Tui-Vigo) entre os anos 2021 e 2023, facendo fincapé nas adaptacións realizadas e nos resultados acadados.
  • Avances metodolóxicos: Desde o ámbito científico e académico, presentáronse os últimos avances na Contabilidade Social. Destacaron temas como o valor emocional, a estratexia, a incorporación da intelixencia artificial, a aplicación sectorial, o uso da Contabilidade Social como ferramenta de eficiencia na compra pública e a presentación do Informe de Sostibilidade para Entidades da Economía Social, elaborado pola AECA.
  • Retos e oportunidades: Para rematar, a través de mesas de traballo, abordáronse conxuntamente os principais retos e oportunidades. Os diferentes grupos chegaron a un diagnóstico converxente que permite establecer unha axenda estruturada para o avance da Contabilidade Social, baseada na estandarización, profesionalización, visibilización pública, impulso normativo, transferencia de coñecemento, continuidade operativa, medición do valor emocional e desenvolvemento territorial.

En definitiva, unha xornada intensa de traballo e convivencia que serviu para seguir fortalecendo a rede e impulsando a Contabilidade Social como un modelo de xestión válido e necesario para medir o valor social das organizacións.

Voltar