Los fundadores de Alento, en su 25 aniversario.

Alento, asociación de dano cerebral, é unha entidade que naceu da inquietude duns mozos relacionados co terceiro sector que vían nas familias a necesidade de ser escoitadas. Este ano cumpren cinco lustros de actividade e a súa cidade recoñeceulles como entidade Viguesa Distinguida. Hoxe lembramos os seus inicios e próximos retos nunha conversación cun dos seus fundadores e actual director xerente, Gonzalo Mira.

  1. A que se dedica Alento?

Alento constituíuse o 24 de maio do ano 2000 como unha asociación sen ánimo de lucro de apoio ás persoas afectadas por un dano cerebral adquirido. Xurdiu tras un traballo previo con familias que estaban a sufrir as consecuencias dun dano cerebral. Nesta iniciativa estabamos implicados un grupo de profesionais no social, Chus, Pili, Rocío, Rafa, Celso e eu, A nosa idea inicial era que as propias familias liderasen o proxecto, pero co tempo entendemos que o que realmente necesitaban eran solucións, non verse envoltas nun proceso complexo de papelada e organización.

Houbo unha familia que marcou a diferenza: Mari, presidenta de Alento e Manolo, o seu marido e pais de Jony, que con 16 anos sufriu traumatismo cranioencefálico grave nun accidente de tráfico. Eles foron a mecha para que se constituíse Alento, ese “folio en branco” con máis preguntas que respostas, transformouse nun proxecto con alma e propósito. Sen eles, quizais todo se quedou nunha boa intención sen percorrido.

Hoxe, 25 anos despois e tras moito esforzo colectivo, Alento é unha entidade de referencia en Galicia e a nivel nacional na atención ao dano cerebral.

  1. Como foi a súa traxectoria profesional dentro de Alento?

Como di a canción “pasaba por alí”, Naquel entón eu xa traballaba no ámbito da discapacidade e participaba en diferentes proxectos sociais No ano 2000 traballaba en Aspanaex en Vigo, e compartía o proxecto de Alento con algunhas persoas que coñecín anos antes. A nosa intención nunca foi fundar a asociación, senón apoiar tecnicamente ás familias para que elas liderasen o proxecto.

Pero nese proceso inicial viuse a necesidade de profesionalizar a xestión. A xunta directiva propúxome asumir a dirección para impulsar o crecemento da entidade. Naquel momento o orzamento era mínimo, non había persoal e eu deixei un traballo estable que me encantaba para lanzarme a esta aventura, impliqueime ao 100% sen saber se podería cobrar ou canto tempo duraría.

Foi empezar de cero. Non había manual nin modelo, era un papel en branco, pero sabendo que era un proxecto viable e que estaba moi ben acompañado, a necesidade era tan perentoria que tiña que saír ben si ou si. Ninguén falaba entón de dano cerebral en poboación adulta. Fixemos un labor moi intensa de sensibilización, especialmente coa Administración, para visibilizar a magnitude do problema.

  1. Cal foi o fito máis significativo logrado como entidade nestes 25 anos?

Sen dúbida, chegar ata aquí, 25 anos despois, sendo capaces de dar unha resposta real ás necesidades de tantas persoas e familias. Hoxe traballamos 73 profesionais en Alento, cun enfoque moi centrado na persoa máis aló da discapacidade. Atendemos a 110 persoas cada día, entre centro de día e residencia, e miramos ao futuro con solidez técnica e compromiso.

  1. Recoñecidos recentemente como Vigueses Distinguidos 2025 polo Concello de Vigo: Que supón para Alento ser unha entidade de referencia no terceiro sector en Vigo e arredores?

É un recoñecemento que sentimos como un agradecemento mutuo entre a cidade e a nosa entidade. Ao longo destes anos, sentimos o respaldo das familias, das persoas afectadas, veciños e veciñas e da propia Administración. Emociónanos porque, detrás deste premio, está a historia de moitas persoas afectadas por un dano cerebral, que loitan cada día por superarse, aprender, relacionarse, vivir. Historias de esforzo e dignidade que agora tamén a cidade valóraas e recoñéceas como propias.

  1. Algunha destas historias que che veñan á cabeza?

Uf, moitas. Todas teñen un elemento común: persoas que sufriron un ictus ou traumatismo cranioencefálico e que a súa vida púxose patas para arriba, persoas que pasan de ser coidadoras a ter que ser coidadas, que non poden volver ao seu traballo, persoas que aínda sufrindo unha discapacidade que lles fai dependentes, pero que aínda así atopan benestar, e valoran profundamente o espazo humano que atopan en Alento.

Ao final a nosa misión cando nos constituímos era esa: mellorar a calidade de vida das persoas que sofren un dano cerebral. Ver a persoas que pasaron por un proceso moi duro e saíron de aí co apoio que reciben aquí, é ver cumprido o noso obxectivo como organización.

  1. Algalia celebra 30 anos con Alento na súa carteira de clientes desde a súa fundación. Que achega Algalia a entidades como Alento na súa actividade diaria?

Máis que como organización, acompáñannos as persoas que forman Algalia desde moito antes de fundar Alento, porque xa eramos compañeiros e amigos noutros proxectos, como Celso – tamén socio fundador de Alento-, Ángel, Jorge, Rafa, Tuco, Xose Antón, Suso…Eramos persoas comprometidas a nivel social e que compartiamos experiencias e inquietudes e que uns fundaron Algalia, outros Alento, ou outros proxectos sociais como Arela. Seguimos xuntos en proxectos moi relevantes.

Hoxe en día Algalia é un soporte técnico moi importante, sobre todo na toma de decisións, á hora de planificar a estratexia da entidade, na procura constante de melloras para achegarnos á nosa misión. Aí está Algalia, na construción dun proxecto que sexa capaz de dar resposta ás persoas e ás súas necesidades.

Algalia, as persoas que a compoñen, son compañeiras de viaxe dos que deixan pegada. Compartir mil conversacións das que saíron moi boas decisións, e que permitiron que nestes 25 anos Alento sexa o que é actualmente. Coa visión clarísima de futuro de seguir traballando xuntos.

  1. Cales son os valores máis destacados de Algalia ou cos que Alento máis se identifica?

O compromiso cara ás persoas. O apoio do bo: con profesionalidade, rigor, proximidade, ética, con decisións compartidas en base a valores É fundamental coidar ás persoas e especialmente ás que coidan.

Para quen teño responsabilidades, é clave poder contar con profesionais de confianza, que nos apoien non só tecnicamente, senón tamén no humano, con proximidade e sensibilidade. Iso é o que atopamos en Algalia todos estes anos.

  1. Que retos afronta Alento para os próximos 25 anos?

Temos desafíos en dous niveis: cantidade e calidade. Por unha banda, debemos chegar a máis persoas e territorios. Vigo xa está consolidado, pero queremos estender servizos a Pontevedra e outras zonas da provincia.

Por outro, debemos seguir profundando na calidade. Queremos seguir ofrecendo unha atención centrada na persoa, coidando a quen acompaño e coidándonos tamén como equipo. Ese equilibrio será clave para poder crecer sen perder a nosa esencia.

Voltar