Valencia, Capital Española da Economía Social 2024, acolleu os días 26 e 27 de setembro o ‘Congreso Nacional sobre Fomento da Economía Social. Instrumentos Fiscais e de Políticas Públicas’, evento no que participaron máis de duascentas persoas, entre investigadores universitarios, altos cargos e técnicos das administracións públicas e representantes do sector cooperativo e da economía social.
Este congreso extraordinario, programado no contexto da devandita capitalidade, tivo como tema xeral “A administración pública e a economía social: aliados para unha prosperidade inclusiva” e estivo organizado por CIRIEC-España, centro de referencia na investigación e información sobre a economía social e cooperativa con sede na Facultat d’Economia UV, xunto ao Instituto Universitario de Investigación en Economía Social, Cooperativismo e Emprendemento (IUDESCOOP) da Universitat de València (UV), e o Centro en Xestión de Empresas (CEGEA) da Universitat Politècnica de València (UPV).
Trala sesión inaugural impartíronse dúas conferencias sobre a política de fomento da economía social, unha por parte de Juan Antonio Pedreño, presidente da patronal española da economía social (CEPES) e europea (Social Economy Europe), e outra a cargo de Aicha Belassir, directora xeral de Economía Social e RSE (Ministerio de Traballo e Economía Social), seguidas dunha sesión plenaria sobre ‘Fiscalidade e políticas públicas de Impulso da economía social’.
Neste marco abordáronse catro mesas redondas: unha sobre ‘Políticas públicas autonómicas e locais de impulso da economía social’, outras dúas sobre ‘Fiscalidade da economía social de mercado así como de non mercado’, e unha última sobre ‘Innovacións en políticas públicas de economía social’.
Participación do goberno galego
Neste bloque participou a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, para presentar a 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, coa que o Goberno galego persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sostible, industrial, tecnolóxico e dixital, así como xerar 4.000 empregos e crear catrocentas novas entidades. Segundo Mariño, búscase incidir en mellorar as competencias das persoas e entidades que desenvolven a súa actividade no cooperativismo e no resto dos modelos da economía social. Entre as medidas concretas a desenvolver, indicou que se porá en marcha unha rede de aceleradoras -a través dos Polos de emprendemento- que permita atraer ideas e investimentos á economía social galega e implantar programas para identificar oportunidades de negocio. Tamén se prevé crear un campus formativo para a capacitación de axentes intermedios e persoal de xestoría.
Nun total de doce talleres paralelos celebrados, presentáronse 63 traballos de investigación por máis de 150 académicos de 32 universidades, 27 españolas e 5 estranxeiras.
Este evento constituíu unha excelente plataforma para investigadores, profesionais e entidades interesadas nas novas formas de colaboración público-privada, e en como a economía social pode integrarse mellor nas políticas públicas para un futuro máis equitativo e sostible.