Carmen Valiño é a responsable de Produción de Casa Grande de Xanceda, unha granxa ecolóxica situada en Mesía (A Coruña), e este mes remata a súa participación na oitava edición de VIRADA Liderado. Así relata ela o seu paso polo Programa:

1.- Que puntos de valor cres que aporta ás entidades e ás persoas este itinerario de aprendizaxe? 

Virada Liderado  fainos parar, reflexionar e pensar. A estes tres verbos, tan importantes para desenvolver espírito crítico, dedicámoslles pouco no noso día a día. Porén, son fundamentais para manter a nosa capacidade de organización e facelo con motivación, autocoidado e benestar. O programa axúdanos a facer unha instrospección, a coñecernos mellor, a desenvolver as nosas potencialidades, é dicir, o mellor de nós mesmos. Tamén nos dota de ferramentas para levar a nosa organización coa confianza de que imos lograr o mellor para todos. Ademais, poñendo a mira na importancia da escoita e da mirada para comprender aos demais membros da organización.

2.- Que aspectos ou recursos descubriches a nivel persoal que podes aplicar na túa labor profesional e, polo tanto, tamén beneficiar á túa organización?

A diversidade dos equipos é o que nos fai funcionar. Cada persoa ten os seus puntos débiles, pero, sobre todo, os seus puntos fortes e explorar esas fortalezas fai que as persoas se sintan máis empoderadas naquelas cousas que gozan dentro da súa contorna laboral. A escoita activa é importante para detectar estes puntos fortes e animar ao cadro de persoal a que os explote. Nesta liña temos que escoitar, ampliar a mirada e comunicarnos co noso equipo sen ter prexuízos e, dese xeito, tamén seremos para eles exemplo e inspiración para fuxir do conflito.

A nivel persoal, o conflito é algo que me xera moita tensión e me frea, o curso axúdame a poñer en práctica ferramentas para reducilo e saber detectalo a tempo. Avanzar significa deixar de lado esas etiquetas que xorden ás veces nos equipos e que están relacionadas, moitas veces, con algo anecdótico pero que, despois, perdura no tempo. Iso prexudica a parte dos membros do equipo, por iso é importante detectalo e paralo para que non nos paralice e poder avanzar. Contra os prexuízos, moita empatía para formar equipos estables e duradeiros no tempo. Esas son claves para conseguir un bo ambiente de traballo.

3.- Hai algo que desexes compartir da túa experiencia para animar a emprender este camiño a outras persoas e entidades?

Virada Liderado foi unha experiencia valiosísima para poder seguir liderando dunha maneira máis comprensiva e harmoniosa no noso equipo e con nós mesmos. Valores tan importantes e tan esquecidos nesta sociedade líquida na que vivimos.

Os profesionais que impartiron o curso con eses coñecementos ilustráronos a todas para poder participar e conseguir aportar o mellor de nós, e así formarnos como as mellores Líderes.

Voltar