Algalia e Tandem Go unen forzas para achegar a retribución flexible ás organizacións da Economía Social e incrementar o poder adquisitivo das súas persoas traballadoras. Con esta colaboración, os clientes de Algalia poderán acceder á plataforma de retribución flexible desenvolvida pola cooperativa catalá, adaptada á idiosincrasia da Economía Social e personalizada segundo as necesidades de cada organización. Ademais, as organizacións que opten por implementar a retribución flexible a través desta alianza gozarán de condicións vantaxosas exclusivas.

Tandem Go é unha cooperativa impulsada por Tandem Social coa intención de axudar ás organizacións da Economía Social e Solidaria e do Terceiro Sector a mellorar o poder adquisitivo das persoas traballadoras a través do consumo de servizos básicos que necesitan no seu día a día, e que están exentos de IRPF, tales como restaurantes, transporte público, escola infantil, seguro médico ou estudos e formacións. E é que, aínda que a priori soe inverosímil, este caso ten nome: retribución flexible.

Actualmente, a media salarial da Economía Social é case un 19% inferior á do sector privado. En consecuencia, a retención do talento é tamén inferior, estímase que un 23% inferior respecto a  media do mercado laboral que se sitúa no 66%. Esta realidade mostra a necesidade de que se poñan en marcha iniciativas que melloren as condicións e a estabilidade deste sector.

Unha medida efectiva de aforro directo

Neste sentido, a través da colaboración entre Algalia e Tandem Go búscase axudar ás organizacións para mellorar a situación dos seus equipos de forma fácil e cun custo moi reducido, xa que a súa inplementación non supón custos salariais adicionais. Unha persoa traballadora cun soldo medio de 25.000€ anuais pode aforrar ata 2.250€ ao ano. Unha cantidade que pode variar en relación co salario anual e ao importe que cada persoa decida asignar a cada un dos servizos. Por exemplo, unha familia con bebés na escola infantil pode conseguir, grazas á retribución flexible, aforrarse unha media de tres mensualidades ao ano.

A proposta articúlase a través dunha plataforma dixital, moi fácil e intuitiva de utilizar tanto para as organizacións como as persoas traballadoras. A través da aplicación, as organizacións poden deseñar e xestionar o plan de retribución flexible sen que supoña cargas administrativas adicionais. As persoas traballadoras poden contratar os servizos de forma completamente voluntaria e flexible, adaptando o plan ás súas necesidades. Poden decidir que importe destinan aos seus gastos de restauración (ata 220€ mensuais) e transporte público (ata 136€ mensuais), contratar seguro médico para elas e os seus familiares (ata 500€ anuais), e pagar o importe da mensualidade da escola infantil e das formacións que cursen.

Para máis información sobre esta plataforma e o seu funcionamento, pode contactar co seu asesor de Algalia, ou coa responsable da plataforma en Tandem Go, Marta Dalmau, no correo electrónico [email protected]  ou o teléfono 722 54 17 24.

Voltar