O Consello de Ministros aprobou, o pasado 11 de abril, dúas iniciativas moi relevantes para o sector: a Estratexia Española de Economía Social 2023-2027 e o Anteproxecto de Lei Integral de Economía Social. Este último supón a reforma da Lei 5/2011 de Economía Social, a Lei 27/1999 de Cooperativas e a Lei 44/2007, para a Regulación do Réxime das Empresas de Inserción.

En relación coa Lei 5/2011, do 29 de marzo, a nova norma incorpora as empresas sociais, “como empresas que comparten os principios da Economía Social e teñen que reinvestir na empresa o 95% dos beneficios”. Outro aspecto relevante é a inclusión da nova regulación dos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social, diferenciados dos Centros Especiais de Emprego de corte capitalista.

No que incumbe á Lei 27/1999, do 16 de xullo, de Cooperativas, recolléronse os axustes necesarios para optimizar a eficacia do seu funcionamento no referido ás formas de participación e o exercicio de dereitos dixitais ou telemáticos, ao principio cooperativo de igualdade, ou a concretar os supostos de descualificación administrativa de entidades que, baixo a aparencia de cooperativas, perseguen un resultado prohibido polo ordenamento xurídico ou contrario a el.

Por último, e no que respecta a a Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, esta reforma mellora e favorece o seu funcionamento, desvinculando os conceptos de exclusión e vulnerabilidade de quen pode ser contratados polas empresas de inserción para atallar a súa estigmatización social.

Así mesmo, a reforma aborda a actualización do marco de contidos mínimos, común para todo o Estado, dos itinerarios de inserción, causa e obxecto da contratación das persoas suxeitas a factores de risco de exclusión e dos que dependen a mellora da súa empregabilidade, e tamén soluciona algúns desaxustes por mor da nova reforma laboral.

Unha Estratexia para impulsar a economía social e os seus axentes

O obxectivo da Estratexia Española de Economía Social 2023-2027 é impulsar a economía social e os seus axentes, poñer en valor a achega á sociedade en termos de redistribución de riqueza, valores e sustentabilidade económica, social e ambiental.

Nela realizouse un profundo traballo de análise da contorna económica actual e da situación particular da economía social, como referencia para identificar 4 eixos estratéxicos (Visibilidade e participación institucional da Economía Social; Mellora da competitividade; Emprendemento e sectores emerxentes, e Sustentabilidade social e territorial), 30 liñas de actuación e máis de 100 accións.

Os representantes sectoriais, entre eles CEPES, deron o visto e prace a estas iniciativas “para potenciar, modernizar e mellorar a competitividade das empresas que conforman a economía social”.

Tras a súa publicación no BOE, a Estratexia 2023-2027 iniciará a súa andaina, mentres que a Lei Integral de Economía Social continuará coa súa tramitación lexislativa.

Voltar