FEGEREC, unha entidade social que contribúe ao coñecemento das enfermidades raras, a súa prevención, tratamento e o coidado das persoas que as padecen en Galicia, participou na quinta edición de VIRADA Equipos, con 5 persoas nos talleres e 4 máis nas sesións de coaching.

Carmen López, a directora de FEGEREC, xa participara en edicións anteriores de VIRADA Liderado e convidou, nesta ocasión, ao seu equipo técnico, a desenvolver as súas competencias en VIRADA Equipos.

A continuación, reproducimos un extracto da entrevista que concedeu a Algalia. Podes consultar a versión completa ao final desta publicación.

 

Carmen, como participante en VIRADA Liderado e, co teu equipo profesional de FEGEREC, en VIRADA Equipos. Que diferenzas tiveron eses dous itinerarios de aprendizaxe?

Baixo o meu punto de vista, ambos os itinerarios son complementarios. VIRADA Liderado  permitiume chegar a VIRADA Equipos con outra mirada, resultándome difícil neste momento pensar en ambos de maneira independente.

Creo que sería unha oportunidade de mellora que todos os membros do equipo pasasen por ambos itinerarios, sobre todo polo de liderado, pois todas conformamos a tripulación de FEGEREC. Compartimos e abrimos novos roteiros, buscamos o vento máis favorable e nalgún momento lideramos ou colideramos este veleiro.

 

Que che achegou a ti, ao teu equipo e á túa organización, a participación nestes dous programas?

Supuxo unha oportunidade de coñecernos mellor e adquirir competencias persoais, interpersoais, como equipo e como organización, para crecer como persoas, como profesionais e como organización. Son máis consciente das achegas a través de VIRADA unha vez que finaliza esta experiencia formativa, no día a día e tras o paso do tempo.

Foi unha oportunidade persoal, profesional, de equipo e de organización. Axudoume a coñecer e coñecerme, a identificar competencias, debilidades, conflitos, liderados e utilizalos a favor do vento.

Como FEGEREC, fomos conscientes da necesidade de deternos para reformularnos onde estamos, onde debemos chegar, as novas metas a alcanzar, o que, o como, o para que, o para quen, o por que e con quen.

Xurdiu a necesidade de reflexionar sobre a adquisición dunha nova embarcación, decidir o seu tamaño, reaxustar a súa tripulación, dispoñer de boas velas e contar cunha boa caixa de ferramentas e ao alcance de toda a tripulación.

Adquirimos competencias a través das persoas que conforman o equipo, para que Fegerec continúe sendo máis que a suma dos seus partes, un equipo de esforzo, un equipo de equipos, formado por persoas comprometidas, ilusionadas, e en busca constante de melloras.

E, finalmente, fomos conscientes da necesidade de poñer un teito para a nosa actividade asistencial.

 

Hai algo que queiras compartir para animar a emprender este camiño a outras persoas, a outros equipos, a outras organizacións?

VIRADA axúdanos a obter unha fotografía máis real, máis recoñecible dun mesmo, do equipo do que unha forma parte e da entidade, aprendendo a identificar e aceptar competencias, fortaleza, debilidades, limitacións, necesidades, oportunidades… e, con todo iso, cocrear un espazo de adestramento idóneo para aceptar e afrontar retoques ou novas fotografías dun mesmo, do equipo e da entidade, para crecer e avanzar no camiño, gozando todo o que sexa posible do mesmo.

 

Podes acceder á entrevista completa nesta ligazón

Voltar