Cheas de luz e cor. Así locen as nosas sedes nada máis empezar 2022. Aproveitamos estas últimas semanas para darlle un cambio ás nosas oficinas renovando a decoración, coa adquisición de 30 cadros pintados por persoas moi especiais, cheas de talento.
Para iso, en base ao noso compromiso coa responsabilidade social e de apoio á nosa rede de clientes, colaboramos nesta ocasión coa Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Cerebral-APAMP (Vigo), a Asociación Amencer ASPACE (Pontevedra), a Asociación Xerome Emiliani (A Guarda), o Centro Ocupacional Juan María (Nigrán) e a Asociación Pascual Veiga (A Coruña).
As pezas elixidas abranguen un grande número de temáticas: mariñas, paisaxes urbanas, retratos femininos e figuras abstractas baseadas en liñas xeométricas. Cadros moi diversos, pero cun denominador común. E é que, se algo caracteriza a todos eles, é o torrente de luz e cor que transmiten e que enchen as nosas oficinas de Vigo e Santiago de enerxía e vitalidade.
Queremos felicitar aos autores e ás asociacións das que son usuarios por todo o traballo, esforzo e ilusión que hai detrás de cada unha destas obras. Unhas obras que xa forman parte do noso día a día.