A asesoría xurídica de ALGALIA dedicará a primeira semana de outubro a actualizar e reforzar as materias de contratación pública e centros especiais de emprego.
O CONSELLO XERAL DO PODER XUDICIAL, no marco de colaboración co CONSELLO XERAL DA AVOGACÍA ESPAÑOLA, admitiu a nosa participación, a través do avogado de ALGALIA, na formación especializada para xuíces e xuízas sobre CONTRATACIÓN NO SECTOR PÚBLICO: ASPECTOS SUSTANTIVOS E PROCESUAIS CON ESPECIAL REFERENCIA ÁS ESIXENCIAS DERIVADAS DO DEREITO DA UNIÓN EUROPEA que se celebrará entre os días 3 e 5 de outubro na Escola Xudicial en Madrid. Grazas á mesma, poderemos contar, e poderemos contarvos, coas opinións e sentenzas máis recentes sobre aspectos como as “Cuestións controvertidas na xurisprudencia sobre contratación pública: desde a preparación ata a adxudicación e formalización dos contratos. Especial referencia aos criterios sociais” ou “O sistema de recursos e de medidas cautelares na contratación pública: incidencia das novas directivas de contratación pública e algunhas cuestións procesuais”. Damos así continuidade a unha das liñas de referencia en base ás cales se viñeron organizando desde ALGALIA xornadas dirixidas en especial a fundacións, pero con evidente aplicación a asociacións e también entidades con ánimo de lucro, por ser transversais.
Por outra banda, terase presenza no XIV CONGRESO NACIONAL DE CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO que se celebrará nos dous días seguintes, 6 e 7 de outubro, tamén en Madrid. Organizado pola CONACEE, Confederación Nacional de Centros Especiais de Emprego, tocará aspectos que consideramos de tanto interese como a APLICACIÓN DAS CLAUSULAS SOCIAIS E CONTRATOS RESERVADOS Á CEE ou as INICIATIVAS LEXISLATIVAS EN MATERIA DE CEE.
Confiamos en poder achegarvos contidos de interese tras dicha formación e congreso.
Santiago Míguez
Responsable da Asesoría Xurídica de Algalia Servizos para o Terceiro Sector