Cristina Fiaño Rodríguez, socia cooperativa de Urdime, participa estas semanas na oitava edición de VIRADA Liderado, un programa para que as persoas con responsabilidades directivas ou de coordinación de equipos adquiran habilidades estratéxicas, interpersoais e persoais que lles permitan desenvolver un liderado máis eficaz. Está promovido por Algalia, en colaboración con Ede Fundazioa e Mondragon Unibertsitatea.
1.- Que puntos de valor cres que aporta ás entidades e ás personas este itinerario de aprendizaxe?
VIRADA Liderado estanos permitindo habitar un espazo real e compartido para a reflexión profunda no que repensarnos a nós mesmas e ás organizacións das que formamos parte, algo que o ritmo habitual do noso día a día non sempre nos posibilita. Dende esa apertura á aprendizaxe, o programa axúdanos a coñecernos mellor, a recoñecer as nosas capacidades e as nosas potencialidades, a mellorar a nosa autoconfianza, a nosa escoita e a nosa comunicación e, ao mesmo tempo, dótanos de ferramentas que nos permiten ampliar a nosa mirada para poder indagar no mundo das demais persoas dunha maneira desprexuizada, que pase pola adopción dunha actitude de extrañamento a partir da cal poder comprender mellor o noso sistema e, polo tanto, motivar a nosa participación activa dentro das nosas entidades para melloralas.
2.- Que aspectos ou recursos descubriches a nivel persoal que podes aplicar na túa labor profesional e, polo tanto, tamén beneficiar á túa organización?
Para empezar, para min foi importante entender que o liderado non é un posto de poder en concreto senón unha actitude, e que liderar debe ser un acto que permita, sobre todo, xerar nas nosas entidades un entorno de aprendizaxe colectivo no que se teña en conta ás persoas e a riqueza que hai na súa diversidade. A nivel persoal, este programa estame axudando moitísimo a mellorar a miña comunicación, pois nel aprendemos a nomear as nosas emocións, a recoñecer mellor as nosas necesidades e as dos demais, e a manifestalas para buscar estratexias compartidas que nos permitan acadalas como grupo. Tamén me está ofrecendo outra perspectiva sobre o conflito que para min é especialmente importante, pois é algo que sempre me xenerou moita tensión e inseguridade e que, sen embargo agora, grazas a este curso, comezo a ver máis como un síntoma e, polo tanto, como unha oportunidade de mellora ante a cal debemos poñer en práctica esa apertura de mirada que nos permita atrevernos a realizar cambios tendo en conta todas as perspectivas posibles.
En xeral, sinto que o curso me está dando moitas ferramentas para aportar máis como socia da cooperativa e tamén para poñer coidado e atención en manter un bo ambiente de traballo. Unha das cousas que aprendemos e vivenciamos no curso é que o cambio dunha persoa, por pequeno que sexa, modifica todo o sistema e, polo tanto, confío que os cambios que eu estou sentindo poidan traducirse en accións e repercutir de maneira positiva nos meus compañeiros e compañeiras da cooperativa.
3.- Hai algo que desexes compartir da túa experiencia para animar a emprender este camiño a outras persoas e entidades?
A profesionalidade, sabedoría e implicación das persoas que imparten o curso e a grande humanidade das compañeiras que en cada sesión comparten as súas experiencias e preocupación, non só motivadas polos seus procesos personais, senón coa xenerosidade de axudar tamén ao demais nos nosos propios, fan que o ambiente para a aprendizaxe sexa realmente extraordinario e inspirador.
Ademais, a combinación entre a profundidade dos contidos das sesións teóricas, a variedade das dinámicas promovidas nas sesións en exterior e o asesoramento personalizado para o desenvolvemento dun proxecto específico para a nosa entidade potencian a integración e a posta en práctica dos coñecementos adquiridos dende o primeiro momento. Dende logo, VIRADA Liderado é unha experiencia valiosísima que nos axuda a liderar as nosas vidas e a liderar tamén as nosas entidades dunha maneira colaborativa que pon as persoas no centro.
URDIME nace froito da unión das sinerxias de varias profesionais da xestión cultural, que levan a cabo propostas culturais diversas. Achegan a todo o territorio galego artistas de larga traxectoria e novas compañías, mantendo unha actividade profesional de comunicación constante e creativa para achegarnos á comunidade a partir de tres fios básicos: Acción cultural, distribución, e producción e eventos. Web de Urdime