Este mércores, 9 de marzo, comeza, na súa sexta edición, o programa Virada Liderado, coa participación de 15 entidades da economía social galega, 5 novas e 10 que xa coñecen o programa de edicións anteriores.

En concreto, nas vindeiras semanas, 23 persoas vencelladas ao cooperativismo e ao terceiro sector de acción social confían en VIRADA Liderado  a proposta de ALGALIA e EDE FUNDAZIOA,  para desenvolver e fomentar o liderado en entidades de economía social.

O propósito de VIRADA Liderado é contribuír a que persoas con responsabilidades directivas ou de coordinación de equipos, responsabilidades en exercicio ou futuras, adquiran competencias estratéxicas, interpersoais e persoais que as capaciten para o desenvolvemento dun liderado máis efectivo.

As actividades principais que estruturan o programa son:

  • Encontros presenciais outdoor.
  • Obradoiros de contido sobre liderado.
  • Coaching persoal.
  • Proxecto de Impacto Organizacional.

A continuación, presentámosvos as entidades participantes desta edición:

A MARIÑA. A Asociación de Saúde Mental A Mariña persegue desde 1999 o obxectivo común de alcanzar que aos enfermos mentais e ás súas familias présteselles unha axuda e asistencia continuada, buscando a integración dos mesmos na sociedade e na vida de comunidade, e fixando como obxectivo prioritario a súa rehabilitación psicosocial e laboral.

AIRA, Sociedade Cooperativa Agroalimentaria, que é o resultado dun proceso de integración cooperativo iniciado no ano 2018 e que supuxo a fusión nunha única entidade xurídica das cooperativas  AGRIS,  ICOS,  COGASAR,  COELPLAN e a propia AIRA.

AMIPA. Son un grupo de persoas con discapacidade intelectual, familiares, profesionais e persoas voluntarias, nunha contorna rural. Comparten un proxecto asociativo no que apoian e acompañan ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e ás súas familias para alcanzar unha mellor calidade de vida, xerando oportunidades desde o respecto e a ilusión e promovendo a inclusión na comunidade nunha contorna rural.

AUTISMO BATA. No seu manifesto declara:  Bata formámola persoas comprometidas, que xeran oportunidades e apoios para as persoas, que promoven a inclusión para a consecución dunha plena calidade de vida, que acomodan o deseño e a adaptación de contornas que faciliten a comprensión e a comunicación, que desenvolven intervencións eficaces axustadas ás capacidades, necesidades, expectativas e intereses de cada persoa, valorando tanto os seus puntos fortes como os apoios e recursos que necesita, onde os pequenos cambios xeran grandes momentos que constrúen sorrisos, onde se salienta o importante do cotián… en definitiva, centrados na boa vida das persoas e en apoios para a cidadanía de pleno dereito.

AVELAIÑA. A razón de ser da Asociación Avelaiña é potenciar a inclusión das persoas con enfermidade mental na provincia de Pontevedra, mediante a promoción da mellora da súa calidade de vida e a dos seus familiares.

COGAMI. A misión da Confederación Galega de  Discapacidade é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.

EVD Galicia, institución que desde Mos e Crecente promove a dignidade de mulleres con discapacidade intelectual, facilitándolles apoios individualizados de calidade.

MAIER FERROPLAST é unha sociedade cooperativa radicada no Porriño que pertence ao Grupo Mondragón e que é líder europea na decoración de pezas de plástico e fabricantes de sub-conxuntos técnicos para a industria do automóbil. Traballa con tecnoloxías como o cromado, a pintura, o gravado láser e o hot stamping.

AFAGA Alzheimer. A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia é una entidade sen ánimo de lucro que foi creada para mellorar a calidade de vida dos enfermos de alzhéimer e os seus familiares, así como para ofrecer información, asesoramento e orientación a todas as persoas que, neste eido, o demanden. Afaga ten centros de atención en Vigo, Marín, Mos, Porriño, Salceda de Caselas e Tui, e realiza obradoiros en Redondela, Chapela, Ponteareas, Nigrán e Baiona.

Asociación San Xerome Emiliani. Ao longo dos seus máis de 40 años de historia, esta asociación manténse fiel ás cualidades que xorden da súa labor de apoio ás persoas con diversidade intelectual da comarca de Baixo Miño.

ACEESCA traballa, dende hai máis de 35 anos, pola visibilidade, inclusión e normalización das persoas con diversidade intelectual en tódalas etapas da vida, nenos e adultos.

Asociación de Empresas de Inserción de Galicia AEIGA. AEIGA é unha asociación sen ánimo de lucro que reúne empresas de inserción laboral da comunidade galega. O seu obxectivo é impulsar a difusión e o fomento das empresas de inserción laboral como forma de loita contra a exclusión social e instrumento de inserción no mercado laboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social.

CORMO INTEGRAL, unha iniciativa da Fundación Érguete de Vigo, dedícase a servizos de xardinería, traballos forestais, agricultura, etc, está comprometida coa inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social.

ARROUPA Santiago, promovida pola Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, pon o foco na recollida, selección e clasificación de roupa para incidir na economía circular.

SERVICIOS COMERCIALES DE INSERCIÓN LABORAL, promovida por la Fundación Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, oferta servizos de provisión de recursos humanos.

 

Dende Algalia agradecemos a vosa confianza, e quedamos a disposición de calquera interesado para ampliar información sobre o Programa Virada no teléfono 986 379 587 ou no enderezo electrónico [email protected].

Comezamos!

Voltar