A última semana de xuño demos por finalizada a novena edición de VIRADA Liderazgo e a sétima de VIRADA Equipos, coa participación total de cincuenta e cinco persoas procedentes de dezanove entidades de economía social.
VIRADA Liderazgo 2025 contou coa participación de vinte e cinco persoas das seguintes entidades de economía social: ABELURIA, AGACA, ALENTO, ALGALIA, AMIPA, AVELAIÑA, BATA, CHAMORRO, COGAMI, DOWN Galicia, DOWN Ourense, EVD Galicia, FUVI, MAIER e SAN XEROME.
Desta maneira, suman xa 139 as persoas que participaron en VIRADA Liderazgo nestas nove edicións, e 67 as entidades da economía social que confiaron na proposta de ALGALIA.
VIRADA Equipos contou coa participación de trinta persoas de cinco entidades de economía social: A Mariña, Aspas, Down Coruña, EVD Galicia e Sacauntos. Todas elas ocupan diferentes postos nas súas organizacións, pero cunha misión conxunta: reflexionar e xerar un pensamento crítico común que estimule diferentes puntos de vista, e promova máis ferramentas e posibilidades de crecemento persoal e profesional.
VIRADA Equipos promove o sector da economía social, tomando como punto de partida e clave do proceso a creación de vínculos, a aprendizaxe colaborativa e o intercambio de recursos.
Unha das participantes neste programa, Silvia Alende, de COGAMI, asegura que o que leva desta experiencia é: “Mellorar a escoita, empatizar coa outra persoa, cos distintos membros do equipo e conseguir unha mellor comunicación”. Desde este contexto, Alende afirma que “unha estratexia común axuda a esa motivación conxunta para que a operativa despois funcione. Se todos temos o mesmo obxectivo axudámonos tamén a traballar desde a confianza”
Desde ALGALIA agradecemos a constante colaboración de EDE Fundazioa, o compromiso das coachs colaboradoras do equipo VIRADA, a confianza das entidades participantes nesta edición, e, sobre todo, o compromiso, alegría e responsabilidade de todas e cada unha das persoas participantes.
Vémonos en 2026!