Era 2005 e a miña vida profesional transitaba pola empresa tradicional, entre auditorías e masters de xestión. Sentía que faltaba algo: sentido, conexión, impacto. Non sabía nada de economía social nin do terceiro sector, pero unha chamada de Algalia cambiou o meu rumbo.
Lembro con nitidez a primeira vez que crucei a súa porta, traxe e gravata incluídos, e como me descolocou a naturalidade e proximidade de quen me recibiu. Pronto entendín que aquí as cousas facíanse doutra maneira: o centro non era o resultado económico, senón as persoas e os colectivos en situación de exclusión social. Ese foi o meu punto de inflexión.
Atopeime cunha área de proxectos diversa, plural, onde aterraban iniciativas de dinamización social e formación en voluntariado. O equipo era pequeno pero bravo: Paula, Jorge, Ibra, Ramón… e, pouco despois, David, o meu compañeiro de mil batallas. Tocounos aprender xuntas e xuntos, reinventarnos ante a crise de 2008 e acompañar ás entidades en retos inéditos: análises organizativas, clima laboral, plans de mellora, estratexias de futuro etc.
Entre os primeiros encargos, gardo un agarimo especial ao deseño dun selo de accesibilidade para a Fundación Menela. Pouco tiña que ver con auditorías nin procesos de calidade, e aínda que aquel proxecto quedou gardado nun caixón, foi a miña porta de entrada a outra maneira de entender a consultoría: dende a escoita, a creatividade e o compromiso coa inclusión.
Non foi un camiño doado. A área de proxectos era un espazo de supervivencia, onde a incerteza era a norma e a creatividade, a ferramenta principal. Pero foi tamén un laboratorio de aprendizaxes compartidas, onde cada erro convertíase nunha oportunidade para medrar e cada acerto, nun motivo para celebrar colectivamente.
Co tempo soubemos transformar ese “caixón desastre” nunha consultoría de desenvolvemento organizativo especializada, capaz de acompañar procesos de cambio profundo en organizacións do terceiro sector e da economía social. Este paso non foi só un cambio de nome, senón unha aposta estratéxica de Algalia por consolidar un negocio de consultoría propio, con identidade e propósito, capaz de ofrecer valor engadido e respostas innovadoras ás necesidades das entidades sociais.
Nesta viaxe, as alianzas foron clave. A colaboración con entidades como Fundación EDE, LKS e Imatia permitiunos sumar forzas, compartir metodoloxías e multiplicar o impacto na economía social. Da man destas alianzas e da experiencia compartida con decenas de organizacións, naceu VIRADA: o noso programa de referencia para o desenvolvemento de liderado e transformación cultural, e que tamén nos ensinou unha profesión nova, a de facilitador e coach. VIRADA é moito máis que unha proposta formativa; é un espazo de acompañamento e crecemento colectivo, onde traballamos o liderado, a cohesión de equipos e a evolución cara a modelos organizativos máis humanos e sostibles.
Hoxe, miro atrás e recoñezo que o esencial non foi só o xiro profesional, senón a viaxe persoal e colectiva: aprender a escoitar, a acompañar, a construír solucións desde a empatía e a colaboración. Nada disto sería posible sen todas as persoas que formaron parte da área de proxectos e consultoría ao longo dos anos, nin sen a confianza das organizacións que nos abriron as súas portas e permitíronnos medrar ao seu lado. E, por suposto, sen a aposta decidida de Algalia por construír e soster un negocio de consultoría propio, comprometido coa transformación social.
Quizá a historia non sexa exacta, pero é a que vivimos xuntas e xuntos. E segue aberta, porque a transformación social é un proceso colectivo, imperfecto e apaixonante, onde cada paso conta.
Miguel Barbosa, responsable de Servizo de Consultoría de Algalia