Hai uns días Algalia cumpriu anos. Como non podía ser doutro xeito o noso aniversario fíxase no momento en que levamos á Delegación da Axencia Tributaria de Vigo o 036 de alta da nosa empresa.

Iso foi un 31 de xaneiro de 1995 polo que acabamos de cumprir 30 anos xa. Que pronto se di e o que custou cumprilos.

Naquel momento os que estabamos no proxecto tiñamos escasos vinte pico anos e participamos cada un co que podía achegar: algúns achegaron o seu tempo, porque ou ben acababan de estudar na Universidade, ou lles quedaba algunha materia e tiñan moito tempo, e outros achegaron as súas ideas e, durante un tempo importante, financiamento para que os primeiros puidéramos levarnos unhas pesetas para casa e pagar CDs de música ou calquera outra cousa inexcusable.

Nestas liñas quero recordar especialmente o compromiso dos socios colaboradores de Algalia co proxecto (Tuco, Fran, Suso e Xosé Antón, que deixaría o proxecto máis adiante). Eles foron os que tiveron a idea inicial de crear unha asesoría orientada ás asociacións e fomentar a súa creación implicándonos no proxecto con conversas nocturnas durante viaxes en coche.

Unha vez tomada a decisión de ir adiante co proxecto fixémolo ó grande, traballando nun baixo na rúa Rosario, no que despregamos mobiliario (táboas, cabaletes, mobles de segunda man), algún PC con Windows 3.1, un fax –con papel térmico, a última innovación- e unha conta de correo electrónico con dominio terra.es.

 

O baixo fora unha vivenda polo que tiñamos unha cociña-almacén, unha habitación de nenos-despacho de asesoramento, un salón-departamento de laboral e un baño con bañeira. Alí estivemos traballando ata 1999 cando xa nos mudamos á sede actual.

Nós sempre fomos moi de saír a traballar ás sedes dos clientes polo que, recordo, especialmente, o día que nos timbraron na porta e era un cliente que quería facer a declaración da renda. Que susto!

Os primeiros clientes foron amigos ou coñecidos nosos que confiaron nuns pipiolos cunha empresa que, hoxe, sería unha start-up pero daquela parecía máis un ruxerruxe empresarial.

Especialmente lémbrome de Tito, meu pai, o cliente número 1 en varios sentidos. En 1995 o Colectivo Galego do Menor foi a primeira entidade sen fin de lucro que entendeu que o asesoramento debía ser específico. Fademga foi a segunda entidade e a que nos deu un pulo que aínda hoxe nos soporta grazas a Antonio Fuentetaja.

Os 90 foron anos especiais. A ilusión gañou por goleada e hoxe segue viva, aínda que ó profesionalizarse o tema estamos máis tempo facendo cousas que sentíndoas. Mudamos isto?

 

Jorge Rodríguez, responsable Área Económica de Algalia.

Voltar