Creada polo arquitecto londiniense e Premio Pritzker, David Chipperfield en 2017, a Fundación RIA é unha axencia independente sen ánimo de lucro, un thinktank que traballa pola sustentabilidade a longo prazo da contorna construída e natural de Galicia.

Chipperfield, namorado confeso de Galicia, envorcou nesta entidade o seu interese por achegar a súa visión ao coidado da nosa contorna, medio ambiente e urbanismo. Hoxe en día, a Fundación Ria traballa na investigación, a análise e a planificación territorial estratéxica, conectando os retos globais cun contexto específico.

Desde o primeiro momento, os seus colaboradores contaron coa experiencia de Algalia como a súa asesoría de cabeceira, e como tal, continuamos acompañándoos sete anos despois con moito orgullo.

A finais de xuño inauguraron Casa Ría en Santiago de Compostela e a ela asistiu Jorge Rodríguez, responsable do Servizo Económico, en representación de Algalia. O edificio, situado en Virxe da Cerca, será a sede da Fundación e estudo de arquitectura, sumándose aos xa instalados en Londres, Shanghái, Milán e Berlín. Ademais destas oficinas, a Casa RIA organízase noutras dúas áreas: unha zona pública, cunha sala de exposicións, a Cantina co chef compostelán Iago Pazos á fronte e o xardín con vistas ao parque de Belvís na planta baixa. No segundo piso sitúase a Sala RIA, un espazo destinado a conferencias. Por último, no cuarto e quinto pisos atópanse as habitacións, que permiten estancias para investigadores e atraer talento a Santiago.

No evento, ao que asistiron autoridades locais e colaboradores do arquitecto, David Chipperfield fixo un discurso esperanzador sobre o coidado do medio (ambiente e urbano), o respecto á cultura, a interrelación entre as culturas que superaba as diferenzas, incluso as políticas, entre outras cousas.

En definitiva, unha oportunidade única para achegarnos a un cliente que, sen ser o perfil máis abundante na carteira de Algalia, achega un labor moi rico e diverso vencelladp a Galicia.

Voltar