Como colofón á celebración do seu 30 aniversario, Algalia presenta as conclusións do estudo sobre “Perspectivas do Terceiro Sector de Acción Social en Galicia”, realizado en alianza coa Facultade de Administración de Empresas da Universidade de Vigo. Este estudo desenvolveuse como TFG (traballo fin de grao) da man de Xosé Henrique Vázquez Vicente, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, e a estudante Eva Martínez Doldán.
O seu obxectivo fundamental foi analizar as perspectivas actuais e futuras do terceiro sector de acción social en Galicia, prestando especial atención aos seus desafíos organizativos, as oportunidades de desenvolvemento e as ameazas reais que afronta este sector.
A análise estrutúrase a partir dun cuestionario dirixido a máis de cen entidades do sector en 2025, co propósito de obter información directa e actualizada que permita ofrecer unha visión rigorosa e fundamentada sobre a situación do Terceiro Sector de Acción Social galego, así como identificar elementos crave que contribúan a mellorar a capacidade de xestión, sustentabilidade e planificación estratéxica ás propias entidades sociais.
A continuación resumimos as conclusións máis salientables do documento, que serán desenvolvidas en profundidade en vindeiras novas:
- O Terceiro Sector de Acción Social, un piar consolidado do benestar en Galicia
O informe confirma que o Terceiro Sector de Acción Social (TSAS) galego desempeña un papel esencial na cohesión social e na atención a colectivos vulnerables, complementando as limitacións do Estado e do mercado. A súa evolución histórica reflicte unha transición desde modelos asistenciais cara a organizacións máis profesionalizadas, orientadas ao interese xeral. A pesar da súa consolidación, o sector continúa afrontando retos estruturais que condicionan a súa sustentabilidade, especialmente en entidades pequenas e medianas.
- Avances en profesionalización, pero con debilidades estruturais persistentes
O TSAS galego logrou avances significativos en ámbitos como a profesionalización, a igualdade, a calidade dos servizos e a xestión do voluntariado. Con todo, persisten debilidades organizativas que dificultan a súa estabilidade a medio e longo prazo, evidenciando a necesidade de seguir reforzando capacidades internas e modelos de xestión.
- A sustentabilidade financeira como principal preocupación transversal
A dependencia do financiamiento público e o aumento dos custos operativos constitúen a maior ameaza para o sector. As preocupacións varían segundo o tamaño das entidades: as pequenas priorizan a supervivencia inmediata, as medianas a consolidación organizativa e as grandes a captación e retención de talento e a adaptación ao cambio. Estas diferenzas poñen de manifesto a necesidade de políticas públicas e apoios diferenciados.
- Déficit de persoal cualificado e retos de substitución xeracional
O sector afronta importantes dificultades para atraer e reter profesionais cualificados, especialmente en ámbitos sociosanitarios, debido a condicións laborais menos competitivas. A iso súmanse problemas de substitución xeracional e gobernanza, que comprometen a continuidade das entidades e a calidade dos servizos prestados.
- Necesidade de reforzar transparencia, comunicación, impacto social e innovación
Aínda que se observan melloras na xestión interna, o informe identifica carencias en comunicación externa, rendición de contas e medición do impacto social, o que limita a visibilidade e a confianza cidadá. Así mesmo, a transformación dixital e a innovación seguen sendo ámbitos pouco desenvolvidos, supoñendo un risco estratéxico nun contexto de acelerado cambio tecnolóxico.
- Cooperación, diversificación e estabilidade como claves para o futuro do sector
O estudo destaca como oportunidades de futuro a cooperación interasociativa e as alianzas público-privadas, a diversificación das fontes de financiamento e a innovación en servizos para responder a novas necesidades sociais. En conxunto, o fortalecemento do TSAS galego pasa por modelos de xestión máis estables e profesionalizados, maior colaboración, dixitalización, avaliación do impacto e marcos de colaboración pública máis estables e menos burocráticos.
O equipo de Algalia expresa o seu agradecemento a todas as persoas e organizacións que participaron neste estudio sobre “Perspectivas do Terceiro Sector de Acción Social en Galicia” e pon o informe final a disposición de quen o solicite ao través de calquera destes canais: 986 379 587 ou no correo [email protected].
