Preto de cincuenta organizacións do Terceiro Sector de toda España déronse cita nas xornadas “Innovar e Gozar”, celebradas do 23 ao 25 de outubro en Palma de Mallorca. A iniciativa -organizada pola Fundación AMADIP-ESMENT, entidade colaboradora da Rede TooL Lab-  contou coa participación das dez organizacións da economía social que participan actualmente na Rede, entre as que se atopa Algalia.

O obxectivo das xornadas foi profundar na colaboración e na aplicación de metodoloxías áxiles que contribúan a xerar iniciativas socialmente innovadoras, e que respondan as necesidades das persoas, especialmente as máis vulnerables.

Ao longo destes tres días, as persoas asistentes participaron en varios talleres prácticos de experimentación e co-creación, centrados na aplicación de ferramentas da metodoloxía “Agile” orientadas a definir e xestionar o cambio nas organizacións, tal como o Modelo Canvas, a xestión baseada en OKRs (Obxectivos e Resultados Clave) e o modelo Kanban para o deseño de fluxos de traballo.

Os talleres alternáronse con charlas inspiracionales, protagonizadas por profesionais de referencia en organizacións sociais, como o publicista Toni Segarra e o médico Enric Benito.

TooL Lab é un proxecto que involucra a dez organizacións de catro Comunidades Autónomas: Galicia, Canarias, Illas Baleares e País Vasco. Promove un cambio radical nos modelos organizativos e de xestión das entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos a persoas con discapacidade, que permita combinar a profesionalización do sector co mantemento da súa misión social e o desenvolvemento de relacións laborais baseadas na autonomía e autogestión dos equipos, así como o benestar das persoas.

Voltar