Paulino Azúa nunha entrevista concedida á Plataforma de ONG de Acción Social con motivo da súa retirada de FEAPS. Nado en San Sebastián (1944), Licenciado en Dereito. En 1967 comezou a traballar na Asociación Guipuscoana de Persoas con Minusvalidez Intelectual (actualmente ATZEGI), e en 1971 incorporouse a FEAPS onde traballou ininterrompidamente ata agora, primeiro como Xerente e posteriormente como director. Ademais, Azúa é presidente do Instituto para a Calidade das ONG.
1-. Sendo vostede licenciado en Dereito, que foi o que o levou a achegarse ao movemento asociativo?
En principio nada en especial. Rematei os meus estudos na Facultade e xurdiu a posibilidade de dirixir a asociación de Gipuzkoa de familias de persoas con discapacidade intelectual. Pódese dicir que comecei “por probar” e ata hoxe.
2-. Despois de 40 anos en FEAPS, coméntenos o mellor que se leva dese tempo profesional.
Son tantas cousas que non é posible resumir nunhas liñas tantos anos de vivencias, a gran maioría positivas. Resumíndo todas elas, creo que podería dicir que a miña satisfacción reside no feito de ter contribuído, xunto con moitas outras persoas, a conseguir que as persoas con discapacidade intelectual teñan hoxe, substancialmente, unha mellor calidade de vida cai hai anos. Non só elas senón tamén as súas familias.
3-. Como ve na actualidade o Terceiro Sector de Acción Social, e sobre todo, cal cre que é o camiño que se debe escoller no futuro?
Aínda que agora se estean atravesando momentos de crise e sufrido as súas consecuencias, o Terceiro Sector irá a máis. Por unha banda, porque cada día está máis fortalecido e é máis visible e, por outra parte, porque os problemas actuais e os novos que sen dúbida, van xurdir poñerán de manifiesto a necesidade de novas respostas que o Terceiro Sector terá que deseñar e poñer en práctica.
4.- Provocará a situación actual de crise no futuro algún receso importante?
Naturalmente; de feito, xa o está provocando. Talvez non se note tanto no ámbito estatal -agás a algunha modificación negativa na aplicación da Lei para a Autonomía Persoal-, pero estase notando, e moito, nos recortes que se están a producir en case todas as Comunidades Autónomas.
5-. Como presidente do ICONG, que é para vostede a calidade na ONG?
Díxeno moitas veces: a calidade ou é un impulso ético ou non serve para nada. Se só se ve como unha moda ou un intento de conseguir vantaxe competitiva -o que no Terceiro Sector non debería ter ningún sentido-, terá pouca vida. Debemos traballar con calidade porque traballamos con e para persoas, e estas requiren de nós o mellor que lle poidamos dar.
6-. Como ve a implantación da calidade nos sectores sociais españois?
Está comenzando. Este é un camiño longo no que haberá que vencer moitas rutinas, bastantes medos e non poucas carencias. Pero acabará impoñéndose
7.- Tras corenta anos en FEAPS, que é o que debe mellorarse nas políticas relacionadas co mundo da discapacidade?
Aínda queda case todo por facer. As persoas con discapacidade intelectual, dende un punto de vista xurídico, son cidadáns de pleno dereito, pero aínda non o son desde o punto de vista social. Non necesariamente porque exista rexeitamento, que cando se produce é anecdótico, senón porque aínda non fomos capaces de producir os cambios necesarios para que estas persoas poidan vivir vidas plenas, felices e con significado, para elas e para os demais.
8.- Son conscientes os diferentes gobernos que tivo España da problemática da discapacidade? Traballan realmente nas políticas relacionadas con ela?
En xeral hai que dicir que si. Os gobernos son conscientes, pero ás veces as medidas que adoptan son conxunturais, especialmente nalgunhas comunidades autónomas. Non é só unha cuestión de recursos materiais, que tamén o é, senón de continuidade nas políticas con independencia da cor política de cada goberno. O benestar social, en canto supón o benestar da cidadanía, debería ser unha política de Estado, pero non o é.
Plataforma de ONG de Acción Social