En tempos de crise económica mundial como os que vivimos na actualidade, resulta imprescindible para sobrevivir e competir con éxito, dispoñer dun sistema de xestión de procesos eficiente e eficaz, con altos índices de produtividade e custos optimizados.
Porén, lograr respostas e axustes rápidos e eficientes non é froito da improvisación, senón o resultado dun proceso planificado e de ferramentas de xestión cun deseño e unha mellor implantación. Entre estas últimas destacan os sistemas de xestión da calidade e as técnicas e ferramentas para a mellora continua de procesos.
Pero, como aplicamos a xestión da Calidade dun xeito práctico para afrontar os tempos de crise?
En canto aos sistemas de xestión da calidade , é necesario que os órganos de decisión teña metas máis ambiciosas que simplemente manter un sistema certificado na norma ISO 9000. Para iso é necesario deseñar e implantar un proxecto cara á excelencia que nos permita reducir significativamente os custos da non calidade, contar con persoal motivado e comprometido cos resultados das organizacións, optimizar os recursos empregados nos procesos e finalmente, desenvolver unha cultura de calidade na organización que sustente resultados económicos permanentes.
Respecto da mellora continua, é necesario coñecer e caracterizar os procesos, a súa interacción e a documentación de soporte; deseñar e implantar indicadores de control para cada proceso, facendo especial fincapé nos máis críticos; desenvolver equipos de traballo interdisciplinares para analizar e solucionar deficiencias,; e coñecer e reducir os factores que inflúen na variabilidade dos procesos.
Para acometer os desafíos expostos anteriormente, será necesario:
- Avaliar os impactos da non calidade
- Formar o persoal en ferramentas de xestión e calidade
- Tomar decisións sustentadas en datos obxectivos (cadro de indicadores críticos de procesos, cadro de mando).
- Desenvolver un equipo de dirección comprometido coa xestión e a cultura da calidade.
- Considerar a calidade como unha ferramenta extratéxica de competitividade, máis que unha exisencia de mercado e imaxe.
- Eliminar as prácticas que nos inducen a erros e fallos, falta de compromiso e rigor, á xestión subxectiva e a accións sen valor agregado para os clientes.
Finalmente, crear mecanismos que permitan aliñar os intereses e valores das persoas traballadoras cos da entidade.
Cómo avanzar nestes temas? Compre seguir os seguintes pasos :
- Facer unha análise detallada dos procesos, identificando as debilidades e as oportunidades de mellora.
- Deseñar e implantar un plan a curto e medio prazo sustentado en piares como o desenvolvemento do capital humano, o cambio cultural e a aplicación dun modelo eficiente de xestión da calidade.
- Medir periodicamente a eficacia e eficiencia do plan mediante indicadores clave dos procesos e, moi especialmente, daqueles que son críticos para o éxito da organización.
- Desenvolver ao longo do tempo un tipo de liderado que asegure e fortaleza o cambio cultural, a innovación e a excelencia.
Os tempos de crise son tempos de oportunidade, tempos de recreación, tempos de fortalecemento. Só fan falta actitude, ganas e profesionalidade.
Miguel Barbosa
Socio responsable da área de Consultoría de Algalia Servizos para o Terceiro Sector