Convocante
Consellería de Emprego, Comercio e EmigraciónPublicación
Diario Oficial de Galicia
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa ES-Transforma, de apoio á transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades, incluídas as cooperativas xuvenís, e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025 (código de procedemento TR802R).
Beneficiarios
Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas creadas nos tres anos anteriores á data da presentación da solicitude, mediante algún dos procesos que se detallan a continuación:
- Constitución por ausencia de remuda xeracional: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultaren extinguidos por causa de crise, xubilación ou incapacidade permanente da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).
- Constitución por persoas autónomas: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas na súa totalidade por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.
- Constitución por transformación:
- Transformación de todo tipo de sociedades, incluídas as cooperativas xuvenís, en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude. Esta transformación acordaraa a xunta ou asemblea xeral, ou mediante sistema válido equivalente para expresar a vontade social, coa maioría exixida pola súa lexislación aplicable, que se fará constar en escritura pública de transformación que expresará necesariamente o cumprimento de todos os requisitos exixidos pola lexislación para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral. Achegarase esta escritura pública de transformación xunto coa acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
- Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa previa adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral; ou logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.